Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2022 | Actualizada ás 20:00
ChanfainaLab, un encontro de cineastas para poñer en valor o territorio do concello de San Sadurniño, regresa un ano máis á localidade cunha VII edición na que participarán "32 realizadores e realizadoras entre os 17 e os 74 anos".
Esta experiencia audiovisual, que se estenderá na fin de semana do 1 ao 4 de setembro, ten como obxectivo que as persoas participantes graven unha película cunha duración de entre tres e cinco minutos e con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual.
"A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural e as súas xentes, a emigración, a memoria histórica, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello transforman San Sadurniño nun universo por descubrir", explica a organización nun comunicado. Nesta edición participarán figuras destacadas e con longa traxectoria no audiovisual xunto a valores emerxentes ou persoas sen experiencia, "pero coas mesmas ganas de contar e experimentar coa imaxe".
Ademais da parte creativa, o Chanfaina Lab volve ofertar obradoiros abertos ao público e proxeccións todos os días, presentados polos seus propios creadores, así como unha exposición sobre os 20 anos de "O bosque animado". Na mañá deste xoves xa tivo lugar a primeira das xornadas do evento na Casa da Cultura da localidade, onde se celebrou o taller 'De corte a corte', impartido por Fran X. Rodríguez. Neste enlace podes per o programa ao seu completo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.