Aprobada a devolución a Polonia dos dous cadros espoliados polos nazis, un "desagravio fronte á barbarie"

O avogado do Estado polaco asistiu ao Pleno da Deputación de Pontevedra no que se aprobou a desafectación e a reposición do díptico da Mater Dolorosa e o Ecce Homo que están no Museo.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 09/09/2022 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade a restitución por parte do Museo de Pontevedra ao Estado Polaco do díptico formado por unha Mater Dolorosa e un Ecce Homo, logo de demostrarse que a orixe das obras estaba relacionada co espolio nazi na II Guerra Mundial. O acto de desafectación e aprobación da devolución, segundo dixo o vicepresidente César Mosquera, supón "un desagravio fronte á barbarie".

Arquivo - Cadros expoliados polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial e que se atopan no museo provincial de Pontevedra.. RAFA ESTEVEZ - Arquivo
Arquivo - Cadros expoliados polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial e que se atopan no museo provincial de Pontevedra.. RAFA ESTEVEZ - Arquivo

Co fin de certificar en persoa a aprobación da restitución, o Pleno contou coa asistencia do avogado do Estado Polaco Miquel Bordas. O vicepresidente César Mosquera realizou na súa intervención no Pleno una "defensa sentida" da necesidade de "restituír dignidades fronte a momentos de horror e abusos". A devolución dos cadros, dixo, "é un acto de desagravio" que ten paralelismos coa concesión da medalla de ouro a Alexandre Bóveda, a quen "a barbarie do golpe do Estado do 36 fixo o ‘paripé’ de xulgalo no salón de plenos provincial para matalo uns días despois". 

O vicepresidente asegurou que cando se tivo "a constatación fidedigna, clara, e ben establecida" de que os cadros foran espoliados, a vontade da Deputación foi "devolvelos canto antes", aínda que houbo un "incidente xurídico sobre a propiedade" que atrasou o proceso. O nacionalista finalizou a súa intervención asegurando que se ben "os espoliados teñen moitas dificultades para recuperar as obras que lles foron espoliadas, este non é o caso, porque consideramos que é de xustiza un desagravio ao pobo polaco e ás obras de arte polo que sufriron nos anos 40 coa invasión nazi".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta