Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 16:28
O deputado socialista no Parlamento galego Pablo Arangüena acusou á Xunta de facer obras de peonalización "a medida dos Baltar", en referencia ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e algúns dos seus familiares, entre eles, o seu pai, e pediu a paralización das mesmas.
Fíxoo a través dunha proposición non de lei presentada en Comisión no Parlamento galego e que non saíu adiante ao non contar cos votos dos populares, moi críticos coa intervención do socialista, que chegou a falar de presunta "malversación de caudais públicos".
En concreto, os socialistas instaban á Xunta a paralizar parte das obras de peonalización da estrada OU-536, "situada fente ás vivendas do presidente da Deputación de Ourense e da súa familia, dedicando o orzamento previsto para esa obra a outras finalidades de interese público e xeral", recolle o texto.
"Vai da porta de Baltar pai á do fillo", sinalou o deputado socialista en referencia a parte do tramo en construción e do que se pide a paralización. Pola súa banda, o BNG reprochou o "destino de recursos públicos para beneficios privados" e defendeu que se executen senllas peonís, "pero non a beneficio duns cuantos", en referencia á familia do presidente da Deputación de Ourense.
UN INTENTO DE "ENREDAR" PARA O PP
Ás críticas formuladas, respondeu o deputado do PPdeG José Manuel Balseiro, quen acusou aos socialistas de "enredar" e de buscar "enlodar". "É unha estratexia de mentira", dixo enmarcando a actuación no plan de senllas peonís da Xunta.
"Non é unha obra illada", insistiu o parlamentario popular, quen engadiu que se trata de actuacións realizadas en base a "criterios técnicos obxectivos". "Probablemente haxa algunha vivenda dun concelleiro socialista", replicou tamén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.