Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 18:28
A exposición itinerante 'Bebedeira de ensoños', en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, a quen se dedicaron as Letras Galegas deste ano, xa pode visitarse no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, ata o 30 de setembro.
O acto de presentación tivo lugar na tarde deste xoves e participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o representante da Familia de Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada.
Desta forma, García agradeceu o resultado da "mostra antolóxica que reflicte a súa vida e obra dunha forma moi fidedigna", así como "o percorrido literario xunto a textos e imaxes propias que expoñen dunha forma brillante a este ilustre galego".
Con carácter informativo e didáctico, a mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do Gurriarán. Con eles, repásase a traxectoria vital e biográfica para comprender quen foi, que deixou e que implica a súa figura.
A exposición compleméntase cunha selección de obxectos persoais do escritor, exhibidos en mesas-vitrina, como son as cartas con Otero Pedrayo e Castelao, borradores de poemas que finalmente terminaron nos seus libros e publicacións orixinais que facilitarán unha aproximación máis completa para comprender a súa figura e obra literaria. Esta mostra itinerante comezou no mes de maio no Barco de Valdeorras, posteriormente estivo en Ourense e agora atópase no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.