A Xunta apoia o recurso xudicial do Goberno contra os Franco: "é a única vía para recuperar os bens de Meirás"

O BNG pide ao Goberno central "celeridade" e lembra que o "espolio" se deu tamén na Casa Cornide.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2022 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, celebrou este mércores o paso dado polo Goberno do Estado ao reclamar a propiedade de determinados bens do Pazo de Meirás, vinculados á figura de Emilia Pardo Bazán e de Franco en calidade de xefe do Estado durante a ditadura.

"É un paso que levamos moito tempo demandando desde a Xunta, que tiña que dar o Goberno e que acredita de novo que o único camiño para garantir a propiedade dos bens é a través da vía xudicial", defendeu Rodríguez, segundo recolle a Consellería nun comunicado.

Con todo, afeou o feito de que a Administración autonómica coñecese a noticia da reclamación dos bens polos medios de comunicación. "Espérase agora contar con información directa por parte do Goberno central para manter a unidade de acción que mantivemos ata agora", comentou.

BNG PIDE "CELERIDADE"

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que para a formación nacionalista "todos os bens que hai no pazo forman parte dos bens públicos". "O Goberno debe actuar con celeridade", reclamou en relación a esta cuestión. No entanto, recalcou que o "espolio" non foi só no Pazo de Meirás, "senón tamén na Casa Cornide".

Por iso, instou ao Concello da Coruña a presentar "cando antes" a demanda xudicial para reclamar a súa devolución ao patrimonio público. Respecto diso, lembrou que existe un acordo plenario no consistorio coruñés para que se interpoña esa demanda. "Que non lle faga gañar máis tempo ao Franco", recalcou.

DEMANDA DOS BENS

Este mércores facíase público que o Estado presentara unha demanda contra a familia Franco na que reclama a propiedade de 564 bens do Pazo de Meirás, segundo confirmaron fontes gobernamentais consultadas por Europa Press.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta