Aberta a convocatoria para apoiar a inserción laboral de máis de 3.700 persoas con discapacidade

As solicitudes poderanse formalizar desde este mércores e ata o próximo 27 de outubro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A Xunta publica este martes no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas dirixidas a favorecer a inserción laboral das persoas con discapacidade a través dos centros especiais de emprego, unha iniciativa á que o Goberno galego destinará 24,1 millóns de euros no período 2022-2023 para beneficiar a máis de 3.700 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 100 postos de traballo indefinido.

Galicia conta na actualidade con 122 centros especiais de emprego rexistrados, que poden optar tamén aos incentivos para o mantemento duns 100 profesionais para dar apoio a máis de 600 persoas con especiais dificultades para acceder a un emprego.

A Xunta abrirá tres liñas de axuda: a 1ª, para o mantemento do custo salarial na CEE; unha 2ª para financiar as unidades de apoio á actividade profesional; e unha 3ª, que promoverá a creación de postos estables para persoas con discapacidade, adaptación de postos e asistencia técnica nestes centros.

A liña máis dotada, con 21,8 millóns, destinarase a manter os custos salariais e os empregos das persoas traballadoras con discapacidade na CEE, que recibirán importes equivalentes ao 50% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e do 60% no caso de tratarse de persoas con condicións de especial dificultade para a inserción laboral (discapacidade psíquica maior ou igual ao 33% e/ou discapacidade física ou sensorial do 65% ou maior).

Un total de 1,2 millóns destinaranse, por outra banda, a financiar os custos salariais da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio a esas persoas con maiores obstáculos para atopar traballo.

O resto, 1.100.000 euros, distribuirase en achegas para dar estabilidade aos postos de traballo mediante a contratación indefinida (máximo de 7 postos por centro subvencionables) con incentivos de ata 25.000 euros por posto creado a xornada completa en función das características da persoa traballadora; para a adaptación de postos de traballo ás condicións das persoas con ata 2.000 euros por cada un; e para financiar as asistencias técnicas na CEE -con apoios que irán dos 1.000 euros ata os 15.000 euros en función da modalidade. As solicitudes poderanse formalizar desde este mércores e ata o próximo 27 de outubro.

Empregado con discapacidade unha empresa
Empregado con discapacidade unha empresa | Fonte: ONCE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta