Por E.P. | A CORUÑA | 28/09/2022 | Actualizada ás 18:13
A obra presentada baixo o título 'A falsa autónoma', de Yolanda Castaño, resultou gañadora do XXI Premio González Garcés de Poesía da Deputación da Coruña, segundo informa o organismo provincial.
O xurado estivo formado polos poetas Pilar Pallarés, Alba Cid, Susana Sánchez Aríns, Ismael Ramos e Daniel Asorey, este último gañador da anterior edición do premio xunto a Lupe Gómez. Estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Da obra, valorou o "tratamento temático das vidas precarizadas, facendo fincapé no ámbito laboral e cultural desde unha marcada perspectiva de xénero". Tamén destaca a "ironía" do discurso e a "orixinalidade do tema, escasamente abordado na poesía galega".
Yolanda Castaño convértese, desta maneira, na última incorporación á nómina de gañadores deste premio, entre os que están tamén Eli Ríos, Lorena Conde, Luz Pozo Garza, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marta Dacosta ou Estevo Creus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.