Se tes máis de 60 anos podes solicitar a partir do luns un programa de benestar en balnearios

Nesta nova convocatoria, a Xunta aumenta a achega que realiza a cada participante, chegando a financiar "case a metade do custo da praza".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2022 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este xoves que se porá en marcha de novo o programa de benestar en balnearios para persoas maiores. "Tras varios anos de parón pola pandemia, vanse a habilitar case 640 prazas en establecementos de balnearios para os meses de novembro e decembro", indicou Rueda, quen precisou que a Xunta vai destinar "case 140.000 euros" a esta nova edición, o que supón un 24% con respecto á última convocatoria do programa, en 2019.

A Administración autonómica investirá un total de 136.000 euros a esta iniciativa, destinada a todos os maiores de 60 anos e tamén a aqueles que superen os 55 e sexan pensionistas, para mellorar a súa calidade de vida ao fomentar actitudes positivas cara o autocuidado da saúde e favorecer as relacións sociais.

Rueda salientou que, nesta nova convocatoria, a Xunta aumenta a achega que realiza a cada participante, chegando a financiar "case a metade do custo da praza". En concreto, o Goberno autonómico pasa de financiar o 31% da praza ata o 43%. Este venres sae no Diario Oficial de Galicia a publicación desta nova orde e, a partir do luns, todo aquel que queira pode solicitar a súa participación neste programa.

OUTRAS MEDIDAS PARA O ENVELLECEMENTO ACTIVO

No Consello da Xunta deste xoves aprobouse, así mesmo, outro asunto vinculado ao compromiso do Executivo galego de promover o envellecemento activo entre os maiores da Comunidade.

Así, autorizouse un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) para dar continuidade ao desenvolvemento das aulas sénior de Galicia un ano máis. O orzamento deste acordo ascende a 190.000 euros, un 25% máis que o ano pasado.

Este incremento permitirá rebaixar o 10% a matrícula e impulsar todas as actividades presenciais, que foran pausadas pola covid-19. O obxectivo é superar de novo o milleiro de alumnos.

'DESCOBRE BAIONA'

Noutra orde de asunos, o Goberno galego autorizou a firma dun convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Baiona para a execución do plan de sustentabilidade turística en destino 'Descobre Baiona', no marco do plan financiado pola Unión Euroepa-Next GeneratioEU, por un importe total de 2 millóns de euros.

Engloba diversas actuacións, como a reforma e a renaturalización da contorna de Santa Liberata e a adecuación e mellora do carril bici existente. Tamén contempla a creación dun aparcadoiro disuasorio e o deseño e sinalización de rutas de sendeirismo, BTT e 'trail running', entre outras iniciativas.

Balneario- Siente Galicia
Balneario- Siente Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta