Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/10/2022 | Actualizada ás 14:00
Novas especies de peixes propias de mares máis quentes están aparecendo nos últimos anos en augas galegas. Todo parece indicar que o quecemento dos océanos, por mor do cambio climático, está detrás disto. Entre as múltiples especies tropicais e subtropicais achadas en Galicia atópanse as choupas Kyphosus vaigiensis e Kyphosus sectatrix, típicas do Atlántico tropical e subtropical e cuxa presenza ven aumentando tanto no Mediterráneo como no Atlántico europeo.
As especies de Kyphosus comezaron a detectarse en augas de Galicia hai dúas décadas, en 2002. Desde entón, os científicos pudieron confirmar 15 rexistros, sendo maioritariamente de Kyphosus vaigiensis. Agora, os biólogos Rafael Bañón e Alejandro de Carlos presentan un estudo detallado sobre as características morfolóxicas e moleculares daqueles exemplares capturados e analizados en laboratorio. E avisan: “Os resultados indican a necesidade de supervisar as especies mariñas non autóctonas no actual escenario de quecemento global da era do Antropoceno”.
“Hai boas evidencias de que o cambio climático afectou a distribución e composición das comunidades de peixes mariños"
Como explican, a familia Kyphosidae contén 12 especies que habitan nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico. Os Kyphosus adoitan habitar en augas pouco profundas sobre fondos areosos, rochosos ou herbosos ao redor dos arrecifes de coral. No Atlántico nororiental e no Mediterráneo notificáronse dúas especies de Kyphosus: Kyphosus sectatrix (tamén coñecido como Kyphosus saltatrix ou Kyphosus) e Kyphosus vaigiensis, reportado en moitos casos como Kyphosus incisor.
O problema é que “delimitar as diferentes especies de Kyphosus é difícil e actualmente baséase no exame dunha combinación de trazos morfolóxicos”, explican estes científicos, que comentan que “a taxonomía molecular se implementou con éxito coa análise morfolóxica tradicional no estudo sistemático das especies de Kyphosus”.
CONSECUENCIA DO CAMBIO CLIMÁTICO
Estas análises son fundamentais para coñecer mellor as especies de Kyphosus, cuxas observación aumentaron nas últimas décadas tanto no mar Mediterráneo como no nordés do océano Atlántico, “probablemente denotando unha expansión natural da súa área de distribución e un aumento da abundancia relacionada co cambio climático e o quecemento das augas”, apuntan os científicos.
“Hai boas evidencias de que o cambio climático afectou a distribución e composición das comunidades de peixes mariños. O aumento da temperatura do mar pode estar na base da propagación xeográfica e dos cambios na abundancia e distribución dos peixes de orixe sur cara a augas máis temperadas, un proceso que se denomina a miúdo «tropicalización»”, expoñen estes autores.
Os científicos identificaron 15 exemplares de Kyphosus en augas de Galicia, dos cales 10 son reportados por primeira vez
Neste contexto, marcáronse como obxectivo establecer a identidade dos exemplares do xénero Kyphosus que chegan con maior frecuencia a Galicia, complementando as identificacións morfolóxicas e moleculares. Co mesmo propósito, realizaron unha revisión dos rexistros publicados das zonas atlánticas nororientais e mediterráneas.
Así, fixeron unha toma de mostras e extracción de ADN dos exemplares capturados nas augas de Galicia. En total, 15 espécimes, dos cales 10 son reportados por primeira vez.
Deses 15 exemplares, só dous foron identificados como Kyphosus sectatrix, de 271 e 450 mm de lonxitude total, mentres que 13 exemplares foron recoñecidos como Kyphosus vaigiensis, estes últimos oscilando entre 285 e 580 mm, e rexistrados a partir de 2007.
Fóra de augas galegas, súmanse outros 26 rexistros históricos destas especies no Mediterráneo e Atlántico Nororiental, dos cales 21 son do Mediterráneo. Por especies, 11 exemplares de Kyphosus sectatrix e 10 de Kyphosus vaigiensis foron reportados na área mediterránea, por só catro e un, respectivamente, no Atlántico. Os tamaños oscilaban entre 195 e 610 mm para Kyphosus sectatrix e entre 157 e 531 mm para Kyphosus vaigiensis.
Como explican os biólogos, o problema na identificación destas dúas especies radica na súa similar morfoloxía, polo que son practicamente indistinguibles no mar,e “as identificacións erróneas ou dubidosas non son pouco frecuentes”.
"As especies tropicais mantiveron unha capacidade de dispersión xeograficamente extensa e unha capacidade de colonizar ambientes moi variables”
En canto á cronoloxía dos achados das dúas especies de Kyphosus no Mediterráneo, mostra que Kyphosus sectatrix foi rexistrada por primeira vez en 1846, mentres que a presenza de Kyphosus vaigiensis “parece ser un fenómeno recente e quizais invasivo”, apuntan. Neste sentido, o primeiro rexistro de Kyphosus vaigiensis no Mediterráneo produciuse en 1998 e desde entón, e ata 2016, reportáronse catro rexistros máis, aumentando ata 10 exemplares se os rexistros se amplían ata a actualidade, segundo a súa revisión.
Pero debido á escaseza de rexistros individuais de Kyphosus, a cronoloxía na zona atlántica “non está clara”, din. Estes científicos cren que o rexistro máis antigo de Kyphosus vaigiensis no Atlántico norte é de 1968, en augas de Marrocos, “probablemente sinalando o proceso de colonización inicial, en concordancia cronolóxica coas primeiras aparicións posteriores no Mediterráneo en 1998 e na Europa atlántica en 2007”, explican.
COLONIZACIÓN
Tendo en conta a cronoloxía de aparición da especie e o feito de que os rexistros de Kyphosus vaigiensis superaron en número aos de Kyphosus vaigiensis nas últimas décadas, consideran “plausible unha colonización máis recente e rápida de Kyphosus vaigiensis na súa área de distribución setentrional, o que suxire unha maior capacidade invasiva que a do seu conxéner Kyphosus sectatrix, quizais relacionada coa súa maior mobilidade”.
Nesta liña, apuntan que “o feito de que os taxons de orixe tropical como Kyphosus sectatrix e K. vaigiensis se poidan atopar en hábitats temperados dominados por macroalgas apoia os argumentos de que as especies tropicais mantiveron unha capacidade de dispersión xeograficamente extensa e unha capacidade de colonizar ambientes moi variables”, expoñen estes biólogos.
Respecto disto, apuntan que as diferenzas na mobilidade entre as dúas especies poderían estar detrás da súa capacidade de colonizar novos hábitats, xa que, como aclaran, “a mobilidade dos peixes define a distribución e abundancia das súas poboacións e ocorre nunha variedade de escalas espaciais e temporais”. Así, mentres que Kyphosus sectatrix é “unha especie sedentaria, cun espazo de actividade mínimo restrinxido en gran parte aos hábitats dos arrecifes”, no caso de Kyphosus vaigiensis esta mostra “movementos expansivos ao longo dos hábitats costeiros que non parecen estar influenciados pola contigüidade do hábitat ou limitados polas rupturas do hábitat”.
"A colonización de novas especies de peixes é un proceso lento que pode levar varias décadas"
Así, lembran que “un dos efectos previstos do quecemento global ten que ver co aumento da variabilidade na abundancia e distribución dos seres vivos, aínda que para a observación destes patróns, moitas veces non se dispón de información a escala temporal e xeográfica”, polo que “o deseño de escenarios naturais futuros dependerá en gran medida da capacidade de identificar as especies implicadas nestes procesos de redistribución e da velocidade á que se están a producir”, como pretenden con esta nova contribución.
“A colonización de novas especies de peixes é un proceso lento que pode levar varias décadas; durante este período a súa presenza na zona de chegada é escasa e a mostraxe é oportunista, o que dificulta a obtención dun gran número de exemplares para o seu estudo. A pesar diso, a observación de novas especies nunha nova zona representa a primeira, e ás veces, a única oportunidade para seguir e estudar a dinámica da colonización; o seguimento da propagación é fundamental para comprender como chega unha nova especie, rastrexar os seus movementos e desenvolvementos e recoñecer o impacto que pode ter”, conclúen.
A presenza de especies de afinidades tropicais en augas atlánticas europeas foi documentada desde o pasado século. Os científicos relacionan a súa aparición co quecemento das augas. Este fenómeno manifestouse en primeiro lugar no sur de Portugal e foi progresando cara ao norte de Europa.
O peixe porco (Balistes capriscus) foi probablemente a especie pioneira na arribada de peixes tropicais a augas galegas, a mediados do século XX
En Galicia, considérase que o peixe porco (Balistes capriscus) foi probablemente a especie pioneira na arribada de peixes tropicais ás nosas augas. O primeiro rexistro desta especie en Galicia data de 1946 e xa na década de 1980 era un peixe frecuente nas Rías Baixas e na actualidade está espallado por toda a costa galega, sendo xa unha especie de interese comercial, cun claro incremento nas descargas nas lonxas. Dise que o seu nome se debe a que ao sacalo da auga gruñe coma un porco. Outra das primeiras especies exóticas en chegar a augas de Galicia foi o linguado de Senegal.
Outras especies exóticas atopadas en Galicia nos últimos anos foron o sapo lusitánico, o mero dourado ou o peixe globo, entre outras moitas.
NOVA ESPECIE MARIÑA IDENTIFICADA NO BANCO DE GALICIA
Este mesmo ano, Rafael Bañón e Alejandro de Carlos, canda os tamén científicos mariños Francisco Baldó, Alberto Serrano e David Barros García, presentaron os resultados doutro estudo no que identificaron unha nova especie de barbada para a ciencia descrita no banco de Galicia e no banco de Porcupine e á que chamaron “Gaidropsarus gallaeciae”.
Os seus resultados, din, “suxiren que os arrecifes de coral de augas profundas poderían ser un hábitat esencial para esta especie”.
En total, foron seis os exemplares recollidos e analizados morfoloxica e molecularmente, “diferenciándose claramente doutras especies coñecidas”, de xeito que Gaidropsarus gallaeciae foi proposta como nova especie mariña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.