Así foi a primeira repotenciación eólica de Galicia: Cabo Vilano demostra que o vento pode soprar a favor de todos

O Parque Cabo Vilano, berce da enerxía eólica en Galicia, foi tamén o escenario da primeira repotenciación dun parque na nosa terra: unha transformación pioneira que permitiu substituír 22 antigos aeroxeradores por só dous, máis potentes e eficientes, reducindo o impacto ambiental e integrando a produción de enerxía limpa coa protección da paisaxe e o respecto polos usos sociais do territorio.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 26/04/2025 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Foi en Cabo Vilán, un lugar no que o vento bate con forza contra os cantís e a néboa debuxa moitos días do ano contornas de lenda, onde Galicia alzou por primeira vez a súa mirada cara o futuro impulsada polo aire. Neste bravo recuncho da Costa da Morte, situado no concello coruñés de Camariñas, nacía a comezos dos anos 90 o primeiro parque eólico construído en Galicia e un dos pioneiros de España. Inicialmente, contaba con 22 aeroxeradores que se erguían sobre as lombas do cabo. Con todo, no 2016, a tecnoloxía permitiu dar un gran salto: Naturgy levou a cabo a primeira repotenciación eólica en Galicia neste parque. Así, os 22 aeroxeradores orixinais, cunha potencia total de 3,9 megavatios (MW), deron paso a dous novos aeroxeradores de 3 megavatios (MW) cada un, moito máis eficientes, sumando entre ambos unha potencia total de 6 MW. Esta modernización permitiu aumentar a capacidade de xeración ao tempo que se reducía enormemento o impacto visual e ambiental na zona. Unha zona empregada polos veciños para realizar rutas de sendeirismo, disfrutar da incrible paisaxe ou programar competicións deportivas. Todo isto demostra que enerxía eólica, medio ambiente e sociedade poden convivir en perfecta harmonía e mesmo potenciarse entre si.

Vista aérea da montaxe do 2º aeroxerador da repotenciación do parque eólico Cabo Vilano
Vista aérea da montaxe do 2º aeroxerador da repotenciación do parque eólico Cabo Vilano | Fonte: Naturgy

Máis en concreto, e como nos conta Antonio Méndez, técnico no parque eólico de Cabo Vilano, "este foi dos primeiros en instalarse en toda Europa, a comezos dos anos 90". Supuxo un investimento total de 7,6 millóns de euros. En orixe, contaba con 22 aeroxeradores: 2 aeroxeradores Vestas de 100 e 200 kW de potencia unitaria cada un --en funcionamento dende 1991--; e 20 aeroxeradores MADE, de 180 kW de potencia unitaria, é dicir, 3,6 MW en total --en funcionamento dende 1992--. Sen embargo, "a día de hoxe, en Cabo Vilano Naturgy unicamente conta con dous grandes aeroxeradores --modelo Vestas V-90--, cunha potencia unitaria de 3.000 kW cada un, isto é, 3 megavatios (MW) cada un". Para facernos á idea das súas dimensións, Méndez destaca que "as pás dos pequenos aeroxeradores que había antigamente en Cabo Vilano non chegaban a medir 10 metros de lonxitude, alcanzando as dos grandes aeroxeradores os 20 metros; mentres que as pás dos dous aeroxeradores actuais teñen 44 metros de longo, isto é, un tamaño catro veces maior que a maioría dos aeroxeradores do antigo parque". Ademais, non só as propias pás son máis grandes, senón tamén as torres, pois na actualidade teñen aproximadamente uns 80 metros, cando no pasado andaban arredor dos 40.

E canta enerxía son quen de producir estes dous aeroxeradores anualmente? Segundo apunta Méndez, Cabo Vilano conta cunha produción estimada de 20,9 xigavatios hora (GWh) ao ano, o que equivale, en termos máis comprensibles para o común da poboación, ao gasto eléctrico anual dunhas 6.700 vivendas --segundo os promedios de consumo residencial en España un fogar tipo consume entre 3.000 e 3.500 kWh ao ano--. Deste xeito, a enerxía xerada en Cabo Vilano sería suficiente para abastecer á vila de Caramiñas enteira ao longo de todo o ano. E non hai que esquecer que esa potencia agora mesmo estana producindo unicamente 2 aeroxeradores. Dous aeroxeradores porque a repotenciación deste parque data do 2016 --vai cumprise xa unha década--, pois, co que avanzou a tecnoloxía eólica, a día de hoxe, cun único aeroxerador podería ser suficiente. Así nolo fai entender Andreia Ramos, responsable de promoción, tramitación e impulso de proxectos renovables en Galicia de Naturgy. "Os aeroxeradores que hai agora en Cabo Vilano contan con 3 MWh de potencia, mentres que, na actualidade, xa temos parques nos que se contempla a instalación de aeroxeradores de 4 e mesmo de 5 MWh". Isto significa que, "se tiveramos que facer a repotenciación que levamos a cabo no 2016 agora e nolo permitisen, pode que cun único aeroxerador chegásemos a producir anualmente a mesma cantidade de enerxía".

GALICIA É DAS COMUNIDADES MÁIS ESIXENTES A NIVEL DE TRAMITACIÓN

Pero Galicia, máis aló de ser pioneira a nivel de repotenciación de parques coa estrea deste proceso en Cabo Vilano, tamén o foi a nivel de esixencias para levala a cabo. "Galicia é das comunidades máis esixentes a nivel de tramitación da repotenciación de parques de toda España", asegura Ramos, que sinala que, precisamente por isto, "moitas comunidades tomaron como referencia certas normativas que se foron implantando na nosa terra para levar a cabo as tramitacións dos seus proxectos de repotenciación". Así as cousas, plantexar unha repotenciación non é algo sinxelo, pois todos os requisitos a cumprir e os trámites burocráticos prolongan no tempo a súa posta en marcha. "Á hora de presentar o proxecto hai un feixe de informes de distintos organismos que son preceptivos, polo que, se un resulta desfavorable, xa non se pode avanzar no proxecto, de maneira que este se detén ata que se presenta o novo informe ao organismo en cuestión cun estudo que arranxe os aspectos polos que en orixe foi denegado", explica Ramos, que asegura que "o diálogo entre a Administración e as empresas nestes proxectos é constante". É por iso que, antes de decidir a instalación dun parque eólico nun determinado lugar, "hai un traballo previo moi longo que toma facilmente un ou dous anos", asegura a responsable de tramitación de proxectos de Naturgy.

Así lucía o parque eólico Cabo Vilano antes da súa repotenciación no ano 2016. Contaba con 22 aeroxeradores, dous de maior envergadura
Así lucía o parque eólico Cabo Vilano antes da súa repotenciación no ano 2016. Contaba con 22 aeroxeradores, dous de maior envergadura | Fonte: Naturgy

Por unha banda, "é preciso buscar o lugar no que hai un mellor recurso --máis vento--", para logo proceder a "examinar como é ese territorio a nivel medioambiental, patrimonial e mesmo social", realizando o traballo de campo. Así, entre outras moitas cousas, "hai que ver se esas zonas son viables para que a maquinaria pesada chegue ata a elas, porque estamos falando de transportes especiais moi complexos, cunhas esixencias moi importantes". Por outra banda, antes de poder meter un informe na xanela da tramitación, tamén "hai que realizar toda unha serie de consultas internas con todos os organismos implicados na xestión ou usos da zona, como pode ser a seguridade aérea ou marítima --se o parque está preto da costa, como é o caso de Cabo Vilano--, as autoridades que regulan a caza no lugar ou as empresas resposables do turismo". "Cada un destes organismos ten que valorar dende o seu ámbito de competencias o proxecto e facer, se o consideran preciso, os comentarios e aportacións que a promotora do parque deberá logo ter en consideración á hora de redactar o proxecto". Por exemplo, pode acontecer que aínda que o proxecto inicial plantexase un número determinado de aeroxeradores, finalmente haxa que renunciar a algún ou cambialo de ubicación.

En paralelo a todo iso, dende Naturgy tamén se realiza un traballo de coñecemento da contorna na que o parque se quere implantar, achegándose aos propietarios dos terreos, ás xentes da vila e ás circunstancias de vida do lugar. Tanto é así que a empresa conta dende hai anos cunha figura que forma parte do seu plantel que recibe o nome de 'xestora social', e que "é a encargada de manterse en contacto directo co territorio, de achegarse aos veciños, de escoitar as súas necesidades e entender o sentir social", como apunta Ramos. Así, por exemplo, se a 'xestora social' ten coñecemento de que hai unha zona concreta á que os veciños adoitan ir camiñar ou dar paseos, dará indicacións para que alí non se proceda a cortar a vexetación, asfaltar unha pista ou poñer un aeroxerador, porque iso racharía co discorrer habitual da poboación. Do mesmo xeito, se ten constancia de que hai veciños que sacan o gando pastar a unha lomba próxima ao parque que resulta de difícil acceso, fará constar que resultaría útil para eles que unha das pistas de acceso ao parque pasase por ese lugar. "Esas cousas só as podes coñecer pateando o territorio e falando coa súa xente, pasando tempo cos veciños e analizando as súas necesidades e inquedanzas", asevera Ramos, lembrando que, dende Naturgy, "cando chegamos a un lugar cun proxecto, como mínimo, imos pasar alí entre 25 e 30 anos --ou máis tempo se se producen repotenciacións posteriores--, polo que queremos formar parte do lugar coma un veciño máis".

EN QUE CONSISTE EXACTAMENTE A REPOTENCIACIÓN DUN PARQUE EÓLICO?

Pero, en que consiste exactamente unha repotenciación? A responsable de promoción, tramitación e impulso de proxectos renovables en Galicia de Naturgy explícanolo. "Cando algunhas instalacións chegan á fin da súa vida útil --que inicialmente se fixa en 25 anos, aínda que agora xa se fala de prolongala ata os 30 ou mesmo máis--, grazas aos avances tecnolóxicos, o que se fai é reconvertelas para facelas máis actuais e eficientes", sinala Ramos. E é que, segundo apunta, "chega un momento no que esas máquinas, sobre todo na zona na que se atopa Cabo Vilano, onde o vento é moi intenso todo o ano, rematan deteriorándose", de maneira que, "no canto de unicamente reemprazalas por aeroxeradores novos, óptase por aproveitar que agora existe unha tecnoloxía moito máis avanzada que na época de construción orixinal do parque, con aeroxeradores que gozan de maior potencia, para substituír os antigos por outros máis potentes que permiten reducir o número total de máquinas que hai no parque". E reducilo non en calquera medida, senón consistentemente, pois no caso de Cabo Vilano cómpre lembrar que se pasou de 22 aeroxeradores a unicamente 2, coa mesma potencia equivalente, pero con moito menor impacto visual e paisaxístico. "A tecnoloxía avanzou expoñencialmente e de maneira moi rápida dende que comezou a enerxía eólica, nos anos 90, o que nos permite levar a cabo estas repotenciacións", asevera Ramos.

Así, en Cabo Vilán as cousas cambiaron notablemente dende o anterior parque ao actual. "A nivel paisaxístico, o cambio que houbo é moi evidente: pasouse de ver todo o cabo cuberto de máquinas a ver tan só dúas, unha diferenza abismal", destaca Ramos. Así mesmo, "a nivel medioambiental e de territorio, os impactos do parque tamén se reduciron considerablemente". E é que hai que ter en conta que "todos os proxectos eólicos están obrigados a restaurar o territorio no que estiveron instalados unha vez que se procede ao seu desmantelamento", polo que, "actualmente calquera persoa que dea unha volta polo Cabo Vilán non se vai percatar sequera de onde estaban instalados os aeroxeradores orixinais, porque, tras desmantelar os aeroxeradores e retirar a súa infraestrutura, tivemos que restaurar o terreo, devolvéndoo ao seu estado orixinal". Esa falta de marcas do pasado sobre o terreo supón tamén o exemplo perfecto para demostrar que, cando un parque eólico remata a súa vida útil e se desmantela, a zona que ocupaba queda totalmente restaurada. Tanto é así que non só se borra a parte visual de cada aeroxerador, senón tamén a parte que non se ve, pero que todos levan oculta baixo o terreo para poder funcionar e manterse erguidos.

Así as cousas, unha vez eliminado todo rastro do aeroxerador, reforéstase o lugar con vexetación autóctona da zona, para o cal "tamén se realiza un traballo previo para proceder á tramitación desa revexetación, da mesma maneira que se se tratase dun novo proxecto de instalación de parque eólico, ou mesmo de maneira aínda máis complexa e esixente, porque, neste caso, non se parte dunha autorización de cero, senón que hai que tramitar tamén o desmantelamento do parque de maneira simultánea", sinala Ramos. Por todo isto, pode entenderse mellor que os procesos de repotenciación son trámites longos cuxa execución toma varios anos, aínda que a responsable da tramitación de proxectos de Naturgy concede que "nos últimos anos os tempos estanse acurtando porque a Xunta está promocionando as repotenciacións e intentando que se renoven e repotencien todos os parques eólicos que contan con máis de 25 anos". E por que 25 anos? Pois o certo é que se trata dunha imposición máis legal que técnica, xa que, tecnicamente, como sinala Antonio Méndez, os aeroxeradores dun parque eólico non necesariamente deixan de funcionar aos 25 anos. "Moitas das máquinas poden seguir vixentes aínda cando o parque cumpre 25 anos, porque foron renovadas por partes nun tempo anterior", detalla. Por exemplo, un aeroxerador de 20 anos puido ter renovado todas as súas partes críticas, porque os compoñentes rompen con maior ou menor facilidade dependendo do emprazamento do parque.

CANTO TEMPO PODE TOMAR O DESMANTELAMENTO DOS AEROXERADORES?

E unha vez coa autorización para proceder á repotenciación na man, canto tempo pode tomar o desmantelamento destes aeroxeradores? No caso de Cabo Vilano, concretamente, o desmantelamento fíxose en dúas fases, porque había aeroxeradores que xa estaban moi deteriorados e non compensaba investir neles. "Os nosos parques eólicos tamén dependen de que no mercado haxa repostos para poder cambiar os compoñentes que se estragan", apunta Antonio Méndez, que sinala que "no pasado atopar repostos para algúns tipos de aeroxeradores non era unha tarefa tan sinxela como na actualidade, pois agora pódense atopar no mercado compoñentes para aeroxeradores de ata 20 anos, porque estes aínda seguen vixentes e operando en moitos parques actuais". E é que, na súa opinión, o que aconteceu no mercado foi que "a tecnoloxía evolucionou tan rápido que aos fabricantes destas pezas xa non lles interesaba fabricar repostos para as máquinas antigas, porque xa había parques que contaban con máquinas moito máis evolucionadas". Méndez aínda lembra ter ido falar con moitos fabricantes para obter recambios dalgúns aeroxeradores e recibir deles a resposta de que non os había. E fai un símil: "Ti podes ter un televisor de tubos catódicos que leva anos sen dar problemas, agora ben, no momento en que comece a dalos, non vai haber recambios no mercado e, en caso de atopalos, o custe de reparación fará que sexa máis rentable comprar directamente un televisor de plasma".

Así, en Cabo Vilano, nunha primeira fase procedeuse ao desmantelamento de 7 aeroxeradores. Seguidamente, na segunda fase, desmanteláronse os 15 restantes. Por este motivo, "é difícil dar un prazo exacto do que tarda un proceso de desmantelamento, pero, aproximadamente, adoitan demorarse uns 2 ou 3 meses", resalta Andreia Ramos. Pois tamén hai que ter en conta que no prazo previsto inicialmente inflúen despois factores como a climatoloxía, que en lugares como Cabo Vilano pode ser moi adversa en determinados momentos do ano, o que pode demorar máis o proceso. Aínda así, en calquera caso, "é un procedemento bastante rápido". De feito, apunta que o que máis tempo leva no desmantelamento dun parque non é o proceso técnico, senón os trámites anteriores ao mesmo. Ademais, sinala que "desmantelar cada aeroxerador tamén resulta complexo a nivel de coordinación, porque para facer este tipo de intervencións hai que contar con maquinaria pesada, que, ante determinada dirección e forza de vento, non pode traballar". De feito, mesmo pode acontecer que, "cando tes a previsión favorable do día seguinte, de súpeto, cando o transporte chega aquí, se atope con moita néboa e baixa visibilidade", pois así de cambiante é o tempo na zona e, como apunta, "o máis importante sempre é a seguridade".

QUE PENSAN OS VECIÑOS DE CAMARIÑAS DO PARQUE EÓLICO DE CABO VILANO?

A parte máis controvertida da instalación dun parque eólico sempre pasa pola oposición social ao mesmo, pois nos últimos tempos instalouse un 'boom' antieólico que trascende fronteiras. Sen embargo, no caso de Cabo Vilano, o técnico do parque, que tamén é veciño de Camariñas, asegura que "aquí nunca tivemos enfrontamentos nin rexeitamento cara o sector eólico, de feito todo o contrario, os veciños da vila sempre nos sentimos orgullosos de contar en Camariñas co primeiro parque eólico de España". "Eu non nacín sendo empregado de Naturgy e, para min, cando era pequeno, xa supoñía todo un orgullo ter un parque eólico a carón do faro, integrado na paisaxe o na vida cotiá da vila", recorda. De maneira que, "no concello de Camariñas nunca houbo crispación social ante a creación deste parque". Tanto é así que, a diferenza do que pasa noutros municipios, en Camariñas o parque éolico de Cabo Vilano está anunciado nos letreiros indicativos como un atractivo turístico máis, xunto a outros lugares visitables como o propio Faro Vilano ou o Museo do Encaixe. De feito, Méndez asegura que hai moitos turistas que se achegan a ver o parque cada ano, e tamén moitos veciños que empregan as súas pistas de acceso para facer deporte. "Apodaron este camiño como a Ruta do Colesterol", chancea.

E é que non hai que esquecer que a instalación de parques eólicos tamén conleva a construción de viarios de acceso aos mesmos. "Chegar ata este punto, se non fose porque está aquí o parque eólico, non sería doado, pois probablemente nin sequera estarían as pistas asfaltadas, se é que existían, pois moitos camiños foron creados adrede no momento da construción do parque para facilitar o paso da maquinaria pesada", apunta Méndez, que resalta que "os parques eólicos, en vilas coma a nosa, mesmo axudan a recuperar moitos terreos que estiveron durante anos abandonados porque non había pistas para acceder de maneira cómoda e sinxela ata eles". Desta maneira, os camiños creados para instalar e manter os aeroxeradores de Cabo Vilano "facilitaron a moita xente o acceso aos seus terreos, volvendo así dárlle uso forestal, agrícola, gandeiro...". Ademais, o técnico tamén incide en que estes camiños non se crean a mercé dos desexos da promotora do parque, senón que "se fai un estudo detallado do lugar no que se dá prioridade á recuperación de pistas que xa existían", é dicir, "non nos adicamos a abrir camiños por abrir, tendemos máis á reutilización daqueles que durante anos permaneceron abandonados, facéndoos novamente transitables". Así mesmo, todas estas pistas son empregados logo pola sociedade para diversas actividades: rutas de sendeirismo, maratóns, rally, mountabike, cicloturismo, BTT...

É CERTO QUE SÓ SE XERÁ EMPREGO DURANTE A CREACIÓN DO PARQUE?

En contra do que moitas veces se tende a pensar e mesmo se escoita, un parque eólico non só crea emprego durante a súa construción, senón tamén con posterioridade. Por poñer un exemplo sinxelo, os camiños de chegada ao parque de Cabo Vilano contan cun mantemento periódico para que, no caso de que haxa que desprazar maquinaria pesada para arranxar avarías nos aeroxeradores, esta se atope coas pistas en perfectas condicións. "Aquí en Cabo Vilano destinamos anualmente unha cantidade importante da nosa financiación ao mantemento do terreo civil, entendendo este como os viarios que chegan ata o parque e que poden ser empregados por calquera persoa, máis aló dos traballadores da propia empresa", asegura Méndez. Da mesma maneira, tamén se destinan fondos para a revexetación e control das especies invasoras, tanto de flora como de fauna. E, no tocante ao mantemento dos aeroxeradores, Naturgy procura que os técnicos dos parques sexan veciños do lugar, pois "se viven preto xa coñecen a zona e saben perfectamente como é o lugar no que están as instalacións". Do mesmo xeito, para arranxar problemas mecánicos que poidan xurdir nos aeroxeradores, tamén se procura contratar empresas da propia vila. "Búscanse técnicos e empresas na contorna do parque porque as avarías pasan en calquera momento e hai que contar con xente de preto dispoñible que poida chegar rápido ao lugar", sinala Méndez.

Así as cousas, "cando se fala de creación de emprego no momento en que un parque eólico chega a unha zona, non hai que quedarse unicamente co emprego xerado na súa fase de construción, senón que esa creación de emprego prolóngase ao longo de toda a vida útil do parque", resalta. Así, negocios que xa existían previamente á construción do parque nesas zonas tamén prosperan, pois, "ten máis sentido pedir arranxos e compoñentes a unha ferretaría local que se encargue de traerche o que precisas de inmediato que ter que chamar á central de Madrid e agardar a que cho manden". De igual maneira, tamén á hora de cambiar a pá dun aeroxerador, non compensa levar ao lugar a maquinaria pesada precisa dende Madrid, polo que se adoita alugar a empresas da zona ou dos seus arredores, o que supón máis oportunidades de emprego. Non en balde, "Galicia é un referente a nivel de empresas de reparación tanto de grandes como de pequenos compoñentes para aeroxeradores, habendo varios exemplos de empresas que creceron de tamaño e que hoxe contan cun gran peso nacional e mesmo internacional en Carballo e Ferrol", conclúe.

OUTRAS REPOTENCIACIÓNS EN CURSO: MONTE REDONDO, NOVO E SOMOZAS

Dentro da súa estratexia de crecemento en xeración renovable en Galicia, Naturgy --que actualmente conta con 18 parques eólicos en funcionamento na nosa terra que o pasado ano xeraron 1.090 GWh de enerxía renovable-- está impulsando tamén outros proxectos, entre os que destacan as repotenciacións dos parques eólicos Monte Redondo (Vimianzo), Novo (Narón e Valdoviño) e Somozas (As Somozas). Estas actuacións, que xa contan coa Declaración de Impacto Ambiental favorable e a Autorización Administrativa de Construción, supoñen un investimento conxunto de 150 millóns de euros. En total, os tres proxectos redurián o número de aeroxeradores de 172 a só 28, coa conseguinte diminución do impacto paisaxístico e visual. Máis en concreto, o proxecto de repotenciación do parque de Monte Redondo, en funcionamento dende o 2002, baséase na substitución de 66 aeroxeradores actuais por 12 novas máquinas, mantendo a potencia actual de 49,5 MW. Co novo proxecto en funcionamento estímase que produciran 200 GWh anuais, enerxía equivalente ao consumo eléctrico de aproximadamente 57.000 fogares.

Pola súa banda, o proxecto de modificación do parque eólico Somozas, en funcionamento dende o ano 2000, consiste en substituír os seus 81 aeroxeradores actuais por 10 novas máquinas mantendo a potencia actual de 49,67 MW. Co novo proxecto en funcionamento, estímase que se producirán máis de 168 GWh anuais, enerxía equivalente ao consumo eléctrico de aproximadamente 48.500 fogares. E, no caso do parque eólico Novo, en funcionamento dende o 2002, substituiranse os 25 aeroxeradores actuais por só 6. Ao igual que no caso anterior, a modificación do parque actual manterá a mesma potencia total de 18,75 MW, o que supón unha produción estimada de 50,5 GWh anuais, o equivalente ao consumo eléctrico de 14.500 fogares. Así, en conxunto, os tres proxectos evitarán a emisión de máis de 260.000 toneladas de gases contaminantes ao ano, contribuíndo á transición enerxética e á loita contra o cambio climático.

Así evolucionaron en tamaño e potencia os aeroxeradores grazas aos avances tecnolóxicos dos últimos anos e as previsións de futuro
Así evolucionaron en tamaño e potencia os aeroxeradores grazas aos avances tecnolóxicos dos últimos anos e as previsións de futuro | Fonte: Naturgy
Un dos actuais aeroxeradores de Cabo Vilano tras a repotenciación do parque que tivo lugar en 2016
Un dos actuais aeroxeradores de Cabo Vilano tras a repotenciación do parque que tivo lugar en 2016 | Fonte: Naturgy
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta