Por Ángela Precedo | LUGO | 27/04/2025 | Actualizada ás 20:30
Chegaron a España tras unha viaxe tan longa como impropia. Algúns pechados en xaulas minúsculas, outros agochados entre mercadorías ou criados en pisos particulares, moi lonxe do seu hábitat natural. Monos, tartarugas, tarántulas, búhos... Todos eles animais tropicais que no seu día foron sacados da súa contorna natural --ou criados en catividade-- para converterse en mercadoría ou satisfacer o gusto do seu propietario. Moitos deles remataron vivindo, ou máis ben, sobrevivindo, en condicións deplorables, vítimas do comercio ilegal de especies exóticos ou da tenencia irresponsable. Pero, afortunadamente, algúns lograron outra oportunidade: foron rescatados e hoxe atópanse en proceso de recuperación en centros especializados, como é Marcelle Natureza, en Lugo, lonxe do lugar onde os convertiron en obxectos de desexo. As súas historias son o reflexo dun negocio multimillonario que, moitas veces, pasa desapercibido a ollos da sociedade. Galicia Confidencial fala con Esther Valderrábano, conservadora en Marcelle Natureza, que nos dá conta dalgunhas das historias de superación dos animais que teñen no centro.
Tina e Turner --así chamados polo traqueteo que facían co pico cando chegaron a Marcelle-- son dous bufos bengalís, macho e femia, que tiveron que superar o seu medo a pisar o chan. "Cando chegaron ás nosas instalacións, mentres estiveron ubicados na zona veterinaria, comportábanse máis ou menos normal, pero, cando os sacamos para a súa instalación definitiva, unha contorna natural con chan natural e árbores no interior, pasaron un tempo bastante nerviosos", conta Esther. Así, asegura que "ao comezo tiñan bastante rexeitamento ao chan, non querían tocalo, porque nunca antes se atoparan con terra nin con herba", de maneira que "xeráballes moita inseguridade". Hai que pensar que o solo en espazos naturais e abertos non sempre se atopa nas mesmas condicións: os días de choiva, humedécese; os días de sol, queima... Por iso, a Tina e a Turner "custoulles saír dos seus transportíns, porque poñíanse bastante nerviosos", pero, afortunadamente, como sinala a conservadora do centro, "despois dun mes, aproximadamente, conseguiron adaptarse ao seu novo hábitat, e mesmo lle comezaron a dar igual os días de choiva".
"NINGÚN BUFO TEN AS SUFICIENTES XERACIÓNS EN CATIVIDADE COMO PARA TER PERDIDO A SÚA CONDUTA INNATA E SER CONSIDERADO UN ANIMAL DOMÉSTICO"
"Iso era exactamente o que tiña que pasar", celebra Esther, que sinala que "un bufo debe poder estar na contorna natural aínda que a choiva lle caia enriba sen maior problema". Afortunadamente, non tardaron moito en adaptarse á instalación e "a súa recuperación foi relativamente rápida", tamén no tocante aos patróns de actividade. "Durante o día descansan e pola noite están máis activos, como é o normal nestas aves", resalta a conservadora do centro, que sinala que estes bufos "arrastraban da súa anterior vida un patrón de actividade diúrno, descoñecemos o por que --non adoitan recibir datos concretos dos anteriores propietarios nin das condicións nas que estes tiñan aos animais, por privacidade--, pero si que observamos que polo día mantíñanse activos e pola noite descansaban, algo que mudou cando pasaron á contorna natural, ao seguir os ciclos de luz naturais". Aínda descoñecendo as circunstancias nas que vivían anteriormente, Esther supón que "se estaban nunha casa, hai que pensar que nas nosas vivendas adoitamos manter a luz acesa moitas horas, aínda sendo noite fóra, polo que posiblemente eles viñesen dun espazo con luz artificial no que tampouco saberían ben cando era día e cando era noite".
Lamentablemente, non é nada raro que alguén queira ter un bufo como mascota na casa, aínda que a gran parte da poboación lle poida sorprender. "É bo que resulte impactante, porque iso significa que algo de conciencia sobre estas malas prácticas está habendo", celebra Esther. Con todo, asegura que "é habitual para certos propietarios ter estes animais como mascota", cando, en realidade, "para que unha especie chegue a ser unha mascota ten que pasar por un proceso de domesticación que implica centos de xeracións de evolución que o levan a perder as súas condutas naturais". Así, advirte de que, "no mundo da fauna salvaxe aínda hai a día de hoxe especies que se están empezando a calificar como domésticas, como é o caso do furón, tras pasar centos de xeracións en catividade". Fronte a isto, asegura que "ningún bufo ten as suficientes xeracións en catividade como para ter perdido as súas condutas innatas e poder ser considerado un animal doméstico". De feito, cando estes animais están na natureza e perciben a presenza do ser humano, "saben que segue sendo unha especie á que non hai que achegarse, tal e como lles di o seu código xenético".
MARCELLE NATUREZA CUMPRE UN ANO COMO CENTRO DE RESCATE CITES
Centos de especies vense ameazadas polo comercio ilegal, o que significa que hai miles de animais desprotexidos á espera dun lugar no que poder ser rehabilitados e no que ter unha boa vida. Os centros de rescate CITES son os lugares nos que atopan unha segunda oportunidade. En Marcelle Natureza a protección da fauna sempre foi o obxectivo principal, polo que dende fai uns anos decidiron pasar á acción, logrando no ano 2024 ser nomeados como Centro de Rescate a nivel estatal pola institución CITES, converténdose así nun dos únicos centros que hai en España para dárlle unha vida digna a animais que veñen de vivir en condicións deplorables. No noso país, tan só o 28 % dos centros zoolóxicos están autorizados para acoller a ester animais e ser o seu fogar de por vida. Ao longo deste ano como CITES, Marcelle xa acolleu a máis de 20 animais.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- (Vídeo) Historias de animais rescatados: Tina e Turner, dous bufos bengalís que nunca tocaran o chan
- Así foi a primeira repotenciación eólica de Galicia: Cabo Vilano demostra que o vento pode soprar a favor de todos
- Sabes quen son os principais donos dos montes de eucaliptos e de frondosas en Galicia?
- Así ameaza Altri as augas de Galicia: "Non é só un problema do Ulla, está en xogo o ciclo hídrico"
- Máis de duascentas organizacións reclaman os expedientes de proxectos estratéxicos como a mina de Doade
- A Xunta ve "totalmente inxustificada" a suspensión do parque eólico de Carboeiro por parte do TSXG