O Concello de Teo denuncia "provocacións" da propietaria da canteira de Casalonga

A empresa Toysal pide o peche da antiga estrada entre A Casalonga e Cornide, mentres o Concello loita polo seu uso público.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2022 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

O Concello de Teo informa que o propietario da empresa Toysal e das canteiras da Casalonga vén de presentar a "comunicación previa" preceptiva para o peche da antiga estrada entre A Casalonga e Cornide, que atravesa as canteiras.

cadea humana en Casalonga
cadea humana en Casalonga | Fonte: plataforma veciños

O título de propiedade desta estrada, segundo explica o Concello, foi conseguido por Toysal grazas ao proceso de expropiación promovido pola Xunta de Galicia, que foi recorrido xudicialmente polo concello pero que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalou, recorrido de novo agora en casación diante do Tribunal Supremo.

A alcaldía salienta que a comunicación previa se limita ao peche do viario e non contempla outras actuacións necesarias para adaptar a actividade da canteira ás condicións da licenza municipal, polo que a actividade permanece suspendida. "Este paso semella máis unha provocación dirixida a buscar unha compensación económica, que a corrixir os defectos que posibilitasen a explotación da canteira que se considera inviable", remarca o Concello.

Diante desta "nova provocación" promovida por Toysal, o concello reclama "calma" e unha resposta "contundente e unitaria" de todas as forzas políticas. "Toysal ten que saber que non vai ter ningunha compensación económica por non ser quen de executar o seu proxecto empresarial que, como se comproba agora, só era encher a canteira de merda", sentenza o concello. "A cidadanía de Teo non vai rescatar cos seus cartos unha empresa que só veu a Teo cun proxecto contaminante e destrutor do noso modo de vida".

A Alcaldía considera, así mesmo, que só neste "clima de provocación" se entende que o peche da estrada se promova cando aínda está aberta a vía xudicial (pendente da decisión do Tribunal Supremo) e, cando previsiblemente, en pouco tempo, se abran novas vías de reclamación xurídica sobre o uso público da antiga pista da canteira. A comunicación previa para o peche permite que no prazo de quince días a empresa realice o peche da pista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta