Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 10:05
A muller de 74 anos que faltaba da súa casa en Santiago desde a tarde do domingo foi localizada en bo estado de saúde na mañá deste martes.
As tarefas de procura de María José Casal concluíron ao redor das 10,45 horas ao ser vista nunha antiga estación de ferrocarril situada a uns 300 metros do centro sociocultural Aurelio Aguirre, punto de encontro desde o que á primeira hora da mañá partiu o dispositivo de procura coordinado pola comisaría da Policía Nacional na capital galega.
A muller, que padece alzhéimer, atópase en bo estado de saúde e está a ser atendida no lugar polos profesionais sanitarios, que avaliarán se é preciso derivala a un centro hospitalario, segundo confirmaron fontes policiais consultadas por Europa Press.
María José Casal, usuaria do centro da Asociación Galega de Axuda ós Enfermos con Demencias tipo Alzhéimer (Agadea) en Santiago, faltaba da súa casa desde a tarde do domingo, cando saíu dar un paseo por Conxo.
A súa filla, que vive con ela, foi a encargada de pór a denuncia ante a Comisaría da Policía Nacional, que asumiu a coordinación dun dispositivo de procura no que participaron membros da Policía Local, Protección Civil, Axega e voluntarios de Asociación Galega de Axuda ós Enfermos con Demencias tipo Alzhéimer (Agadea); acompañados por medios aéreos e cans de rastrexo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.