Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2022 | Actualizada ás 13:59
O responsable da estratexia vacunal da Axencia Europea do Medicamento (EMA), Marco Cavaleri, alertou de que se espera unha nova onda da Covid-19 nas próximas semanas, debido a novas subvariantes de Omicron.
"A pandemia aínda non terminou. Instamos a cidadanía a que se vacine agora, ou se revacine, especialmente se a súa situación de saúde os pon en maior risco de contraer Covid-19 grave", sinalou na rolda de prensa periódica da EMA sobre a COVID-19 e a varíola do mono. "Agora é o momento de protexerse!", advertiu facendo un chamamento especial ás persoas maiores de 60 anos, embarazadas e con comorbilidades ou condicións de base.
Así, explicou que o grupo de traballo sobre pandemia de COVID-19 está "a seguir coidadosamente" as novas subvariantes do virus, a BQ1 e BQ1.1, que por agora teñen unha diferente expansión fronte á ómicron BA.5 actualmente maioritaria. Por este motivo convidou a poboación a seguir vacinándose coas actuais vacinas.
"O virus é máis rápido do que podemos ser na adaptación de vacinas. Só deberiamos considerar adaptar as vacinas cando a diferenza entre as cepas en circulación e a composición das vacinas sexa maior", advertiu, e sinalou que así o recomendan todas as axencias sanitarias, tras confirmarse os beneficios da dobre vacinación sobre todo para a poboación máis vulnerable.
Tamén pediu á poboación que se vacine da gripe, xa que se espera que este outono e inverno circulen xunto co virus do SARS-CoV-2. "As persoas vulnerables estarán en maior risco. En moitos países están a levarse a cabo campañas conxuntas de vacinación. Instamos os cidadáns a aproveitalo", afirmou.
En canto á administración das vacinas COVID- 19 en crianzas, recomenda vacinar principalmente a nenos e nenas con enfermidades subxacentes para protexelos da hospitalización ou a morte; no entanto, lembrou que a decisión sobre a vacinación corresponde aos Estados membros da UE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.