Unha gran burla negra crea o 'Glosario Nunca Máis' contra o esquecemento do Prestige

A asociación cultural convoca "a lingua nai do movemento cidadá" para reconstruir algúns dos feitos e efectos do desastre acontecido hai 20 anos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A asociación cultural Unha Gran Burla Negra (UGBN), para a creatividade popular e memoria do Prestige, presenta unha serie de proxectos de activación, reflexión e visibilización da memoria colectiva do movemento cidadá que emerxeu co obxectivo de "reclamar dignidade frente ao desgoberno na xestión do afundimento do petroleiro Prestige hai agora vinte anos".

Prestige (A Coruña)
Prestige (A Coruña)

Coincidindo co mes do afundimento, o próximo 2 de novembro a asociación fará público un proxecto aberto de glosario colectivo: o Glosario Nunca Máis. "Trátase dunha proposta de traballo colectivo desde a que volvemos convocar a lingua nai do movemento cidadá", explica a asociación.

 

"Estamos recuperando o vocabulario que foi preciso inventar ou resignificar para nomear, loitar e compartir un tempo excepcional marcado pola catástrofe, o desgoberno e a emerxencia dunha cidadanía soberana que soubo organizarse contra o poder que puña en risco todas as formas de vida", sinalan nun comunicado. 

 

Esta colección crecente de palabras chave permítenos, engaden, "re-aprender a lingua desas comunidades que viviron a experiencia en primeira persoa" e "debe servirnos tamén para lembrar, descubrir e recoñecer a súa potencia". 

 

A modo de memoria en rede, desde a semana do 7 de novembro, a asociación lanzará  progresivamente unha selección destes vocabularios, acompañados sempre doutros recursos documentais en forma de imaxe, audio e vídeo cos que reconstruir algúns dos feitos

e efectos do desastre do Prestige.

A Asociación Cultural UGBN naceu no 2018 amadriñándose intencionadamente ao nome do

colectivo contra a Burla Negra, pata cultural do movemento Nunca Máis, forzas que representaron e promoveron a dignidade cidadá. O labor da asociación fundaméntase na construcción dun Arquivo Vivo desde o que producir relatos contra o esquecemento da memoria pública destes acontecementos.

O Arquivo Vivo, grazas ao apoio dos que foron parte do movemento, susténtase na procura, custodia, coidado, estudo, catalogación, exposición, reflexión, mediación e activación da morea de pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos, intervencións e testemuñas -anónimas ou non- producidas pola cidadanía durante os meses da catástrofe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta