Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2022 | Actualizada ás 17:55
A construción do parque eólico Gasalla, proxectado nos concellos de Mesía e Frades deixaría "cercada a unha aldea e afectaría a dous espazos naturais protexidos con moitas especies catalogadas como vulnerables", segundo sinalou Aldeas libres de macroeólicos.
De ser aprobado, o proxecto, englobado dentro do macroparque Ordes-Curtis promovido pola empresa Green Capital Power, contaría con sete macroeólicos de case 200 metros de altura e unha subestación eléctrica. A exposición pública do proxecto, cuxa aprobación depende da Xunta, finalizou o pasado 31 de outubro.
As asociacións veciñais da zona teñen constancia de que o número de alegacións aos documentos técnicos do PE Gasalla supera as 2.600 presentacións en contra da construción. Ademais, tanto o Concello de Mesía, gobernado polo PSOE, como o de Frades, gobernado polo PP, adoptaron acordos institucionais en contra do polígono eólico que Green Capital Power quere instalar nesa zona, pedindo á Xunta que denegue o permiso de construción.
Segundo sinala o comunicado, o parque proxéctase encaixado entre a Zona de Especial Conservación do Río Tambre e o espazo natural protexido Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro. Así, explica que ambas as zonas conteñen un crisol de biodiversidade, "con máis de 172 especies avistadas, moitas delas catalogadas como vulnerables".
NO LÍMITE CON CASA GRANDE DE XANCEDA
Así mesmo, o polígono eólico quedaría no mesmo bordo dos terreos de Casa Grande de Xanceda, que emprega a 50 persoas e é o principal produtor lácteo ecolóxico de Galicia. Unha das socias de Casa Grande de Xanceda, Vitoria Armesto, explicou que na empresa "están a favor das enerxías renovables, pero tamén hai que respectar o medio ambiente e estamos rodeados de zonas protexidas".
Nesta liña, Armesto explicou que o modelo ecolóxico de Casa Grande de Xanceda "é incompatible cun polígono industrial eléctrico" e que, se se constrúe o parque "todo botarase a perder".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.