Dez anos despois algunas cousas non trocaron. O PP segue gozando de maioría absoluta en Sober e Raquel Arias continuou a súa carreira política na Xunta. Outras en cambio si cambiaron, para ben. Grazas á iniciativa de Paula Vázquez Verao, toda a corporación de Sober vén de homenaxear nun acto público a todas as vítimas do franquismo, a eses veciños e veciñas represaliados, que foron moitos. Isto debeuse á mobilización política en Sober nos anos 30. O enclave ferroviario de Canabal, os emigrantes retornados de América, a histórica loita agrarista alicerzaron unha notable conciencia política. O feixismo non tivo piedade. O propio alcalde en 1936, o director da Banda de Música de Sober, tivo que fugarse disfrazado de crego. De Portugal pasou a Cuba onde acadou sona como compositor. Nos rexistros das cadeas de Monforte e de Lugo contabilízanse até 356 rexistros de ingreso de xentes de Sober. A represión levou a moitos homes a agocharse como toupas en buratos nas paredes da súa propia casa. Como nos comentaba unha veciña, na súa casa nunha aldea de Sober aínda conservan o agocho onde estivo un familiar, detrás dun armario de carballo. E alí segue o burato, polo que poida pasar…
Hai un dito africano que di que os leóns non teñen retranca. Non lles fai falla. A retranca é a ferramenta dos febles. Pouco antes de comezar o acto na Casa de Cultura, nun bar de Sober, os parroquianos comentan con sorna o que vai acontecer: estoutro di que se vai celebrar un cumpreanos, esoutro que un magosto, aqueloutro que un recordo aos republicanos da guerra… Evidentemente todo o mundo sabe o que pasou. O humor negro é unha ferramenta máis para superar a trauma. Cando me vou, un home que lía un xaruto, exclama: “¡Vaia carallo, e agora vai ser que os de dereitas aquí nunca houbo, e agora póñense do lado dos bos, ver para crer!”
O escritor Claudio Rodríguez Fer acertou a definir ao alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, coma un alcalde digno. Porque esta é a noticia. Un alcalde e os concelleiros do PP apoian unha homenaxe ás vítimas do franquismo en Galicia. Un bo paso cara ao futuro, para normalizar a nosa relación coa crueldade instaurada por un Estado criminal, do que ninguén se pode sentir herdeiro político. O PP si que pode estar orgulloso daqueles veciños de dereitas que axudaron aos fuxidos, por decencia, daqueles políticos católicos, centristas, liberais, agraristas, daquela dereita democrática republicana. Porque iso era o que había en Sober na IIª República: unha vizosa pluralidade política, propia dun Estado democrático. Esa é a herdanza na que se debería recoñecer a dereita galega e non no leigado de fragasiribarnes, filgueirasvalverdes e fernándezalbores. Aos que mandan no PP galego hai que explicarlles o que foi a represión franquista, como fixera un home da Ribeira, do que falou o poeta Xosé Lois García. Aquel home, republicano represaliado, ante as preguntas dos nenos da aldea sobre o que era a guerra, xuntou os rapaces e levounos ao monte. Alí deu cun formigueiro, sobre o que chantou a súa bota con violencia: Mirade rapaces, o formigueiro é España; a miña bota é Franco. E isto foi o que quedou de España baixo a bota de Franco: moitas formigas morreron, outras quedaron agochadas baixo terra, outras liscaron por aquí e acolá, a Buenos Aires, a La Habana, outras ficaron pampas para o resto das súas vidas.
Tralo xantar de confraternización recollo o meu coche, aparcado diante dun bar. O dono, gran personaxe, está a falar polo móbil, seica quere organizar uns exercicios de karate: Mecago en diola, a ver, xa non hai dereita de verdade ou que, a min estes do PP estou ata o carallo, a homenaxear republicanos e eu pagando pola terraza e me enchen isto de coches, como se fose un aparcadoiro, a tomar polo cú, e nin ximnasio temos, ostia xa, busca un xornal que non sexa do PP, Nin La voz nin progreso nin ostias, ou que pasa, a Falange non ten periódicos? e anúnciame aí o do kárate que o imos facer nun mirador da ribeira índa que sexa…
Á homenaxe das vítimas do franquismo en Sober non veu Raquel Arias, delegada da Xunta na provincia de Lugo (non confundir coa cantante coñecida como “La fiera del Caribe”, gran intérprete de merengues). Nin está nin se lle agarda. Está é a caste de casta que temos en Galicia, máis preocupada por vender viño ca polos veciños, os de antaño e os de hogano.