Por Galicia Confidencial | Vedra | 11/11/2022 | Actualizada ás 11:38
A Federación de Sanidade de CCOO denuncia a "situación límite" do centro de saúde de Vedra, que "literalmente, está caendo a cachos". O sindicato destaca o mal estado das instalacións —onde as humidades están deteriorando a estrutura— e incluso desprendementos de cornixas.
Nun comunicado de prensa, este sindicato asegura que os problemas, con todo, van máis alá xa que hai "apagóns por curtocircuítos, fugas de augas que obrigan a cubrir os baños con toallas ou falta de accesos para persoas con mobilidade reducida". "A propia sala de exploración ten risco de desprendemento pola falta de mantemento e conservación do edificio", apunta o sindicato. Todo isto, xunto co reducido espazo, obriga a que actividades como preparación ao parto se fagan en instalacións afastadas do centro de saúde.
Así mesmo, CCOO-Sanidade reclama unha mellor xestión do persoal tanto do centro de saúde de Vedra como do de Boqueixón. "Os traballadores e as traballadoras vense obrigados a desprazarse dos centros principais de cada un dos concellos durante curtos períodos ata o consultorio de Lestedo (en Boqueixón)", critica.
Esta decisión, denuncia o sindicato, axuda a que nin se resolva a demanda asistencial en Lestedo, nin se atenda axeitadamente as persoas usuarias de Boqueixón e de Vedra. "O único que consegue é sobrecargar o persoal que debe cubrir as ausencias que se producen nos respectivos centros de saúde", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.