Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 14/11/2022 | Actualizada ás 18:06
Un chamativo e orixinal collage composto por partes de rostros de homes de diferentes xeracións, deseñado pola fotógrafa Beatriz Císcar, é a imaxe que este ano protagoniza a contundente campaña gráfica impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Baixo o lema 'Depende de ti, depente de nós', a campaña, que na mañá deste luns se puxo en marcha co despregue dunha pancarta de PVC no balcón da Casa da Luz e que inclúe a distribución de 1.500 bolsas 'tote bag', a instalación de cartelóns en 35 mupis situados por toda a cidade e o reparto de 200 carteis por edificios institucionais, institutos, facultades universitarias e centros sociais das parroquias, busca apelar á responsabilidade dos homes para acabar coas violencias machistas e os convida a reflexionar sobre a súa obriga moral de loitar contra o acoso, a humillación, o control, a violación...
"É unha campaña contundente, directa e reflexiva. Non podemos ser cómplices da violencia machista e pretendemos sinalar non só ao home que maltrata como culpable, senón tamén ao resto da poboación. A responsabilidade de parala antes de que se converta en algo irreversible é de todos". Deste xeito expresou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o principal obxectivo desta iniciativa gráfica tras un acto de despregue da campaña no que tamén participaron a propia Bea Císcar; os concelleiros Carme Fouces, Alberto Oubiña e Silvia Junco; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.
Segundo explicou Císcar, "a través da técnica do collage, pretendemos recrear a cara dun home, alonxándonos de calquera estereotipo clásico de home cis hetero normativo e despersonalizando ao home, no sentido de que calquera home, con independencia da súa idade, clase, estilo... Pode exercer a violencia machista e tamén pode parala, xa sexa denunciando ou evitando unha pelexa, comentario, insultos ou micromachismos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.