Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2022 | Actualizada ás 20:25
Anova, cuxas rendas volveu a tomar Martiño Noriega recentemente, inicia este sábado un ciclo de palestras para facer un diagnóstico do país, e faino cun debate sobre enerxía baixo o título 'Resistencias e alternativas ao modelo de implantación de enerxía eólica en Galicia'.
Este sábado, a partir das 10,30 horas no Hotel Compostela, celebraranse tres mesas redondas nas que participarán representantes de asociacións ecoloxistas (Aranza González de Asociación Aire Limpo; Ana Varela, da Asociación Petón do Lobo; e Nery Díaz, de Ecoloxistas en Acción) para abordar os movementos sociais, nunha mesa moderada polo ex deputado Antón Sánchez.
Nun segundo debate sobre perspectivas xurídicas participará o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, en calidade de catedrático de Estrutura Económica; Marta García, catedrática de Dereito Administrativo; e Xosé Allegue, arquitecto e analista de políticas territoriais. A mesa estará moderada pola concelleira de Vigo Oriana Méndez.
Xa na última mesa sobre modelos "alternativos á privatización do vento" participarán ERC e o parlamentario de EH Bildu Mikel Otero, nunha mesa moderada por Alberto Mera. O acto pecharao o portavoz da formación, Martiño Noriega.
Este ciclo de palestras ten como obxectivo "darlle voz aos colectivos que opoñen resistencia ás políticas promovidas pola Xunta" desde hai 13 anos.
"A degradación dos servizos públicos, a vivenda ou o modelo extractivo privatizado dos recursos forestais, a problemática forestal ou a precariedade endémica ou o brote do novo fascismo", son algúns dos temas que se abordarán ao longo das mesas redondas que arrincan este sábado.
De forma paralela a este diagnóstico, Anova aspira a "achegar" a unha "alternativa á paradigma neoliberal hexemónico en Galicia" e "servir de catalizador dun cambio político que se torna cada día máis urxente no país": "un modelo baseado na defensa do común, recuperación do público como motor da economía e como garante dos dereitos básicos como a sanidade ou o ensino público e de calidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.