O deputado do PSdeG Martín Seco defende que o seu comportamento é "intachable" e non ve xustificado o expediente

Formoso acúsao de actitude "desleal" cara á cúpula da organización.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/11/2022 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O deputado do PSdeG Martín Seco defendeu que o seu comportamento como membro do partido e dentro do grupo parlamentario foi "intachable" polo que considera inxustificado o expediente aberto pola dirección dos socialistas galegos, que piden a Ferraz a súa suspensión como militante, o que carrexaría a súa saída do grupo na Cámara autonómica.

O deputado do PSdeG Martín Seco
O deputado do PSdeG Martín Seco | Fonte: PSdeG.

Nun comunicado, o parlamentario e responsable do partido en Arteixo, que afirma coñecer a apertura do expediente disciplinario antes polas novas dos medios que de forma directa, reivindica a súa actuación durante o debate da lei de áreas empresariais, o motivo polo que a dirección socialista pide que sexa sancionado.

Seco afirmou que o seu comportamento foi "adecuado e intachable" e que votou "o que indicou a dirección do PSdeG", polo que non ve que o seu proceder causase un "menoscabo á imaxe do partido", xa que actuou "con lealdade e en liña co mandato" da cúpula da organización.

O pasado mes de setembro, Martín Seco foi o encargado de defender a postura dos socialistas no debate parlamentario sobre a Lei de áreas empresariais, onde, tras manifestar desde a tribuna as súas críticas cara ao texto, avanzou que o seu grupo votaría a favor porque así o estableceu "a dirección política do partido".

Para a dirección que encabeza Valentín González Formoso, o ocorrido durante aquela sesión plenaria foi "a pinga que colmou o vaso" dunha actitude "desleal" cara á cúpula da organización, algo que encadran na negativa a "aceptar" os resultados das primarias de 2021 ao grupo de afíns ao exsecretario xeral Gonzalo Caballero, entre os que se atopa o parlamentario pola Coruña.

"Tras máis de 25 anos como militante, o meu comportamento como parlamentario foi intachable e non hai xustificación para un expediente", aseverou o afectado, que apelou a defender a súa postura ante os órganos do partido durante o proceso que se abrirá por mor da presentación desta petición da dirección galega.

Seco di descoñecer o contido dun informe elaborado polo portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, e sobre o que se sustenta o proceso sancionador, á vez que convida a repasar a súa intervención na Cámara nas actas e rexistros de vídeo, onde defende que as súas críticas estiveron dirixidas "á política industrial e empresarial" do Partido Popular.

Así, sostén que antes do pleno no que se produciu o debate e a votación definitiva sobre a norma, o grupo recibiu a directriz de votar a favor do texto coa xustificación, segundo Seco, de que o PSdeG non puidese ser acusado "de pór paus nas rodas do desenvolvemento económico de Galicia".

Deste xeito, Seco lembra que esta orde foi seguida pola totalidade do grupo, incluído el mesmo, polo que resalta que, ao seu xuízo, non existe "ningunha tacha posible" no seu "comportamento parlamentario nin a imaxe do partido". "Actuei con lealdade e en liña co madato da dirección", apostilou.

VERSIÓN DA DIRECCIÓN DE FORMOSO

A decisión sobre o futuro de Seco podería chegar a próxima semana, segundo apuntan fontes próximas á dirección do PSdeG, que considera os feitos constituíntes dunha falta moi grave.

A cúpula da organización que encabeza Valentín González Formoso considera que a intervención parlamentaria de Seco durante o debate da Lei de áreas empresariais foi "a pinga que colmou o vaso" dunha actitude "desleal" que comezou no propio congreso autonómico que supuxo a substitución na dirección do PSdeG tras a vitoria de Formoso sobre Caballero.

Fontes próximas á dirección lembran que Seco foi un dos protagonistas dun incidente durante o citado congreso no que un grupo de militantes levantou a voz para cuestionar a organización do conclave dos socialistas.

A estes feitos, continúan, sucedérono mensaxes públicas nas que Seco cuestionou decisións adoptadas pola dirección de González Formoso e polo Goberno de España, entre elas, segundo estas fontes, sobre o acordo asinado con Marrocos sobre o Sahara.

CRÍTICA A FORMOSO DESDE O PARLAMENTO

O pasado mes de setembro, Martín Seco foi o encargado de defender a postura do Grupo Socialista durante o debate da Lei de áreas empresariais elaborada pola Xunta. Despois de protagonizar unha intervención moi crítica co contido da proposta normativa, o deputado avanzou que o grupo votaría a prol da lei porque así o ordenou "a dirección política do partido".

A dirección do PSdeG reaccionou á actitude de Seco co anuncio da apertura do expediente que agora deberá resolver a Secretaría de Organización federal e que podería carrexar a súa expulsión do grupo parlamentaria e unha suspensión de militancia de ata dous anos.

Fontes próximas á cúpula dos socialistas galegos defenden que a directriz de votar a prol da lei da Xunta foi adoptada tras a rolda de contactos de Formoso con "distintos axentes económicos sociais" que manifestaron o seu desexo de que a normativa saíse adiante ante a preocupación de que a falta de chan industrial en Galicia provocase a "fuga" de investimentos cara a Portugal.

Esta postura, que segundo estas mesmas fontes foi mesmo abordada nun encontro entre o líder socialista e o vicepresidente primeiro, Francisco Conde, foi trasladada ao grupo, polo que Seco recibiu indicacións de defender desde a tribuna a lei.

Por tanto, entenden como un "claro xesto de desafío" a González Formoso que desatendese esta indicación e criticase o texto normativo desde o hemiciclo, polo que, agora, piden que se lle aparte do grupo e sexa suspendido de militancia, o que acarrería tamén que abandone as súas responabilidades á fronte do PSOE de Arteixo.

"TOTAL CONTUNDENCIA"

A dirección galega recalca que a súa vontade é actuar con "total contundencia" e "non pasar unha máis" ante unha persoa á que ven "máis fóra que dentro" da organización pola súa actitude, que atribúe a que o grupo de afíns a Caballero "non aceptaron os resultados" das primarias de 2021.

"Non se vai consentir que ninguén fomente a división interna nin que se menoscabe a imaxe do partido nos medios ou nas redes sociais", remarcan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Con independencia da súa traxectoria anterior, o seu comportamento dese día, no que actuaba no parlamento galego como voceiro do seu partido, foi de deslealdade ao pretender ridiculizar a posición adoptada pola súa dirección. Xente así está de máis en calquera tipo de asociación.

1 Gamela

Sumisión total ao líder... así se constrúe o poder en Galicia !