O veciño de Forcarei detido por decapitar a un can, multado por ameazar á alcaldesa

O home viu á rexedora paseando co seu bebé polo municipio e espetoulle: "Creo que ese neno non vai chegar aos 18 anos"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2022 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O veciño de Forcarei que en outubro fora detido por decapitar a un can foi condenado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 da Estrada a unha multa de 90 euros por ameazar á alcaldesa do municipio, Verónica Pichel.

Así o informa nun comunicado o Concello de Forcarei, que relata que a sentenza considera probado que o pasado 8 de outubro (o mesmo fin de semana que ocorreu o suceso co animal) o acusado achegouse á rexedora, cando ela paseaba co seu bebé en brazos, e "visiblemente alterado" espetoulle: "Creo que ese neno non vai chegar aos 18 anos".

Segundo explica a alcaldesa, a orixe deste incidente estaría nunha visita que o home fixera á Casa Consistorial dous meses atrás. Entón, subiu ao seu despacho para solicitar unha axuda económica e ela díxolle que "non era nin o lugar nin o modo de facelo", polo que lle acompañou á planta baixa para que puidese realizar o trámite.

Este feito debeu molestarlle, xa que, o día que proferiu as ameazas a Pichel pola rúa, tamén lle dixo: "Alcaldesa, grazas pola axuda".

A sentenza condénao a pagar unha multa de 90 euros por un delito leve de ameazas, tendo en conta a entidade da infracción e o feito de que o home percibe unha pensión non contributiva.

A rexedora non solicitou ningún tipo de indemnización, senón que o principal motivo da denuncia, máis aló da ameaza en si mesma, radica nos "reiterados conflitos que o acusado ten protagonizado entre a veciñanza", explica o Concello.

Dáse a circunstancia de que este individuo foi detido o 17 de outubro pola Garda Civil como presunto responsable de decapitar a un can, aínda que quedou en liberdade. De feito, foi a propia alcaldesa quen viu ao sospeitoso pola localidade e avisou aos servizos de emerxencias para que o detivesen.

Todo iso despois de que, unha semana atrás, veciños do municipio achasen unha bolsa de plástico manchada de sangue nun colector próximo á vivenda do detido e descubrisen que contiña o cadáver do animal.

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel
A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel | Fonte: Concello de Forcarei

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta