Temas: MúSICA

BOOM mestizo = La Chiva Gantiva + Zorita

Son dúas bandas ben diferentes, en canto a estilo musical pero comparten a multiculturalidade dos seus membros e ritmos. La Chiva Gantiva nace en Bélxica e Zorita faino no estado veciño, os Países Baixos.

Por Cris Mosteiro Reboredo | Santiago | 14/11/2014 | Actualizada ás 02:10

Comparte esta noticia

¿Que como os coñecemos? Foi no Womex 2014 que atravesou as rúas de Compostela este outubro e deixou músicas de tódolos aromas. Zorita foi un dos grupos que presentou o seu proxecto nun dos postos da feira no Museo Gaiás e La Chiva Gantiva transmitiu a enerxía dos seus directos no escenario do Atlantic Connections. Conversamos con Rafael de La Chiva Gantiva e Zoli e Joost de Zorita que nos explicaron un pouquiño máis sobre as súas apostas musicais.

Zorita e La Chiva Gantiva
Zorita e La Chiva Gantiva

Dinamita de cumbia: La Chiva Gantiva contada por Rafael

552139_396151673825712_999837618_n

La Chiva Gantiva durante a súa actuación no Womex 2014 / Foto: Xaime Cortizo http://www.xaimecortizo.com

"Venga monito, péguese un vuelto por la tierra del Pelao"

"Mostrarlle ao mundo que existe unha verdadeira universalidade, unha unión entre diferentes culturas"

Bruxelas pariu vai uns sete anos a La Chiva Gantiva, conformada por Rafael Espinel, Felipe Deckers, Florian Doucet, Martinn Méreau, Natalia Gantiva, Tuan Ho Duc e Matchem Chem.

En Bruxelas reúnense moitas culturas, é ese punto de encontro, o lugar ao que a xente chega e se atopa. De feito, no grupo hai un francés, dous belgas, tres colombianos e un vietnamita pero nunca buscamos as diferenzas culturais para facer o grupo, pasou sempre de xeito natural. E esa naturalidade axudounos, tamén, a mostrarlle ao mundo que existe unha verdadeira universalidade, unha unión entre diferentes culturas e a proba é que se fai naturalmente e non forzosamente.

Foron os colombianos, Felipe, Natalia e Rafael, os primeiros que se puxeron a tocar xuntos, principalmente, co obxectivo de escorrentar a morriña da súa terra e fartar a fame de música, “Digamos que los tres colombianos han sido el núcleo” do grupo, apunta Rafael. Posteriormente comezaría ese intercambio cultural ao que rende homenzaxe o nome do conxunto, La Chiva Gantiva.

A chiva é como este bus que vai de vila en vila recollendo os campesiños e no que se meten, igualmente, animais. Ademais digamos que non hai fiestras no bus senón portas e todo o mundo pode colgarse del. É un transporte moi típico que existe no meu país e en difrentes países de América Latina. E gantiva quere dicir gardián da serra na lingua dos indíxenas muíscas, chibcha, e é, así mesmo, o apelido de Natalia, a percusionista da banda.

Cruce de músicas

A súa música comunga con esa premisa de unión, na que “todo o mundo pode colgarse” de aí que esté inzada de distintos estilos como o afrobeat, o rock, notas que forman parte da vida de cada un deles. Iso si, sempre mantendo como base das súas composicións o folclore colombiano.

Retomamos música do Atlántico coma do Pacífico e tocamos con instrumentos do Atlántico, aínda que sempre estivemos en contacto con aquilo que nos gustou na xuventude como Nirvana ou outras bandas modernas. Por iso, estamos influenciados polo jazz, a música afro; digamos que é unha gran mestura, moi natural, algo que facemos porque nos nace, porque o sentimos. Non buscamos fórmulas, simplemente sae así; non procuramos ser os folcloristas puristas como o gran maestro Batata.

Por exemplo, eu escoitei toda a miña vida metal e xa de máis grande, empeceime a interesar polo folclore. Non imos a facer folclore convencional e tampouco nunca o quixemos facer; digamos que nos gusta buscar o límite das fronteiras. A pretensión é facer boa música, distraernos e pasar bos momentos, divertirse e ser un pouco positivos e alegres no escenario.

"É aquí onde nos afirmamos, nos coñecemos pero todo o que nos envolve é o que somos"

É esa aposta pola música de raíz, aderezada con vibrantes berros de guitarra eléctrica e un saxo dulzón en pezas como Estrenando, o que que convirte a La Chiva Gantiva en embaixadora da terra do café cun folclore intrépido e rico, rico. Rafael cóntanos como é a situación do folclore no país, se periga a súa extinción e como o viven no grupo.

Creo que en Colombia, segundo meus avós e miña nai, hai como unha onda xuvenil de vez en cando que sae e saca o folclore adiante e iso é como se o pobo o necesitara nalgún momento. Grazas ao folclore comezan a crearse novas vertentes e estas, chegado o momento,  penso se poden saturar e levan a escoitar, de volta, o folclore típico. Non creo que o folclore se perda, xa que o feito de que existan tantos estilos que derivan del, permiten que sempre permaneza vivo.  Por outra banda, opino que volveremos a tocar o folclore puro, seguro que si, non hai que terlle medo á creación, sempre e cando ti teñas un don e o des á creación, loites por ela, case de forma divina, no extremo. A arte para min é cura e o folclore o centro de sanación. En todo caso para La Chiva Gantiva vívese asi, é aquí onde nos afirmamos, nos coñecemos pero todo o que nos envolve é o que somos.

La Chiva Gantiva experimenta as fronteiras da imaxinación e séntense cómodos nese punto, “aquí me siento vivo, vivo”.

Esta canción é o single do seu segundo disco Vivo, que saiu á luz en febreiro deste ano. Melodías deste traballo e o anterior Pelao (2011) fixeron mover os ósos do público que os acompañou no seu show dentro da programación do Womex 2014. Unha feira na que participaron por vez primeira.

Para nós é unha gran oportunidade poder tocar no Womex, porque vivimos desa enerxía, dese compartir co público. É moi importante poder estar nun festival cun público profesional que coñoce moitos grupos e sabe como son as cousas. É un gran reto e estamos orgullosos de telo logrado e poder estar aquí.

Pura enerxía, aquí unha testemuña do seu directo no escenario Atlantic Connections polo que pasou Uxía, Calima ou La Yegros e que tiñan o océano Atlántico como nexo.

É unha boa escusa, poder compartir e conectar coa xente hispanofónica a través do Átlántico.

552139_396151673825712_999837618_n

Unha das ilustracións do seu primeiro traballo Pelao / Foto: Crammer Discs

O bus de La Chiva Gantiva (http://www.lachivagantiva.com) é unha festa de ritmos colombianos como a cumbia, a champeta, a chirimia e o mapalé que bailan apretaos co jazz, o afro ou o rock. Son pura choiva de pingas mestizas, bacano.

A bohemia de Zorita con Zoli e Joost

552139_396151673825712_999837618_n

Joost Abbel e Zoli Soos diante do seu posto na feira do Womex / Foto: Cris Mosteiro Reboredo

"And we´ll dream about romance until Winter creeps in again"

Base castelá

Joost Abbel e Zoli Soos xunto con Carlos Zorita Díaz, Robert Koomen, Thomas Geerts, Jon Staekenborg, Robert Orvalmo e Kay Krijnem conforman Zorita. Un grupo que leva activo dende o 2008, pero que segundo os propios integrantes é dende vai catro anos cando se consideran profesionais, polos devanditos concursos nos que comezan a participar nese intre: 'De Grote Prijs van Nederland '(2010) e o ' Amsterdamse Popprijs '(2009). O seu berce radica en Ámsterdam pero os tintes da súa música non entende de aduanas.

Joost: Somos unha banda, por así decilo, un pouco española, principalmente, porque o cantante, Carlos Zorita é español e por iso, estamos moi influenciados polo flamenco. Aínda que tamén pola música francesa e en xeral, de moitos países. Con todo, a música tradicional de España predomina especialmente.

Así é como se presenta Zorita na súa páxina webhttp://www.zorita.nl

Zorita é un tumulto estimulante e escandaloso. (…) Fusiona influencias de América do Sur, o Mediterráneo e a música folk. Sen dúbida unha velada con Zorita é garantía de festa rachada. Os 8 músicos de Zorita describen a súa ben engraxada e variopinta maquinaria de instrumentos, estilos e personalidades como "Musica Vagabunda". 

As pezas de Zorita están escritas en castelán, inglés, francés tecidas cun fío de harmonía, folk e gorxa poderosa e fulgurante. Compróbase esta afirmación no seu disco Amor y muerte (2012).

"É todo e nada"

Este apoio no folk combinado con compases doutras latitudes ben poderían catalogar a Zorita como World Music, que significa para Joost e Zoli esta palabra?

Zoli: É un termo acuñado a finais dos oitenta, noventa para denominar a todo aquilo que non era jazz, rock ou música clásica. Realmente é unha expresión confusa: é todo e nada. Dá lugar a moitas posiblidades, dende un proxecto máis tradiconal que se ampara en instrumentos e vestiarios típicos ata estes ingredientes remexidos con jazz ou pop. Para min estas serían as dúas posibilidades que se dan na World Music, un termo borroso que debería ser máis específico, pero logo, útil para incorporar moitos estilos.

Joost: (En referencia ao significado de World Music) Non se pode situar a música nunha caixa, clasificala. A min gústame a música e non me interesa “organizala”. Os músicos fan música, simplemente.

A banda escápase nos vértices dun cóctel musical. O que si deixan claro é o seu compromiso co mundo do solfeo pois no seu traballo “Amor y muerte”  ao investir  dous anos para perfeccionar as cancións e concibir un cd que xira no reprodutor suavemente e cun son congruente. Distribuido por Suburban, é un álbum que gaña posicións nas listas de discos alternativos dos Países Baixos. Con el baixo o brazo quixeron dar a coñecelo na feira do Womex. Unha reunión da industria musical na que son case expertos: para Joost era a terceira vez e para Zoli a segunda.

Joost: Este Womex é diferente porque viñemos como banda e con outros músicos, mánageres, amigos, e iso está realmente ben porque se comparten experiencias e se establecen un número maior de contactos, así como a vantaxe de rapartir gastos.

Que permite o Womex como recinto feiral para Zorita?

Joost: É un bo espazo para descubrir cousas novas e saber o que está sucedendo arredor do mundo en materia musical. Por iso, un posto no Womex axuda aos grupos de música e en xeral a toda a rede porque permíteche ter un contacto directo con promotores, con outras bandas. Un trato moito máis persoal que fai que logo se acorden de ti.   

Zoli: Exactamente, o feito de conversar coa xente permítelle poñerlle cara e nome ás persoas implicadas nunha aposta musical e ter un intercambio máis “humano”.

Uxía: “Agradable e fermosa”

Nese intercambio de gustos musicais, hai algún artista que captara a vosa atención particularmente?

Zoli:A min gustoume moito Raúl Rodríguez e Paco Flores porque non fan o mesmo todo o tempo e van cambiando o ritmo, tocan con moita enerxía.  E tamén, Uxía coa súa música especialmente suave e doce. Chamonounos a atención a calidade do seu acústico e como todo o mundo cantaba as súas cancións.

Joost: Si, a voz de Uxía é ben agradable e fermosa.

Se algo lles namorou desta edición foi a xente e o entorno...

Zoli:  O máis importante para todos, penso, que é a xente que coñecimos, moi amable. Por outro lado, o Womex deste ano é fantástico pola cidade na que se celebra que é realmente especial, nela hai moitas actividades para facer e a feira (na Cidade da Cultura) está situada nun espazo privilexiado, con todo esa natureza ao arredor.

Joost:  Ademais o tempo foi inmellorable, os outros anos chovera moito.

552139_396151673825712_999837618_n

Imaxe do grupo Zorita ao completo / Foto: http://www.zorita.nl

O batería, Zoli que tamén toca noutro grupo Vinski, e o banjo e un dos encargados da guitarra, Joost, son os responsables de achegarnos esta banda un chisco máis á mente e ao corazón. Trompetas, acordeón, corda, percusión  e voces distinguidas, boleros, tangos e un folk acentuado de jazz, Zorita é bohemia elegante e activa.

Xa nolo comentou Uxía, con motivo do Womex 2014, “A música hoxe non está illada, nin cada país nen artista é illa, senón que estamos interconectados” e como sinal dese amarre entre sur e norte,  de melodías arcaicas e contemporáneas, do puro e o mestizo a música de La Chiva Gantiva e Zorita. Dalle ao play e déixate mollar pola amálgaba de tódolos acentos e equilibrios.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta