A segunda fonte dispoñible son os documentos, moitos deles oficiais, partes de guerra e trámites burocráticos suxeitos á censura militar. Nas guerras sempre se minte, negro sobre branco. Esta historia oficial pouco ten que ver coa cotidianeidade da xentiña que morría nas trincheiras. Recentemente en Plsen (Bohemia occidental, Chequia) tivemos ocasión de ver unha exposición sobre a 1ª Guerra Mundial na que se facía fincapé de feito nestas fontes subalternas: diarios capturados ao inimigo, retratos, debuxos na fronte, etc…
A terceira fonte de información é o que chamamos a cultura material, os restos físicos que ficaron do conflito. Os obxectos non minten, cóntannos unha historia á marxe de censuras, recreacións idealizadas e manipulacións históricas. Hai pouco estivemos con colegas europeos que están a escavar en campos de concentración como Treblinka ou Sobibor. Cando morra o derradeiro supervivinte do Holocausto, xa non haberá ninguén que lembre que alí estivo o Mal. Unicamente nos quedará a materialidade para recordalo. Facer desaparecer esas ruínas é agromar unha leira vizosa para que medren os discursos revisionistas tan en boga na Europa de hoxendía.
Como historiadores cómpre calibrar estas tres achegas, non sempre coincidentes. Cando escavamos o campo de concentración franquista de Castuera en Badaxoz vímolo claro. Dunha banda, tiñamos os planos dos enxeñeiros franquistas, un deseño ideal do campo perfeito, onde clasificar e exterminar os prisioneiros. Doutra volta, tiñamos o plano a mao alzada que fixera un superviviente moitos anos despois. E finalmente, nós fixemos unha planimetría arqueolóxica de como era o campo en realidade (alí está para ver). Os tres planos non se parecen en nada.
Por iso é tan importante a Arqueoloxía no estudo da guerra civil española. De todo isto falaremos no congreso que imos celebrar en Vitoria-Gasteiz entre o 9 e o 13 de decembro. O prazo de inscrición aínda está aberto até o 30 de novembro. Por 40 euros poderás debatir con 44 ponentes (de Reino Unido, España, USA, Uruguai, Arxentina, Brasil…), asistir á presentación de libros, exhibición de documentais, exposicións, visitas guiadas, etc… Toda a información en
www.gasteizatwar.jimdo.com