Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/01/2023 | Actualizada ás 21:00
Alerta para toda a sociedade, pero en especial para todos os pais e as nais: todo parece apuntar a que volve a tendencia da extrema delgadeza. Despois duns anos nos que se puxeron de moda as modelos 'curvy' e nos que se abrazaba a todas as tallas, a mesma impulsora desta expresión de amor polo corpo con curvas racha co promulgado e fomenta a perda de peso a grande escala.
Estamos a falar da celebrity Kim Kardashian, nin máis nin menos. A tamén empresaria está considerada socialmente un icono 'curvy'. Fai algúns anos, foi ela a que desafiou ao canon de beleza existente, cunha figura máis voluminosa, nada que ver ca que na década dos 90 proxectaban top models como Naomi Campbell, Claudia Schiffer ou Cindy Crawford (figuras con corpos máis definidos), nin moito menos ca delgadeza a toda costa de Kate Moss nos 2000.
Kim Kardashian chegou para rachar con esa premisa de estar delgada sen importar como mantida durante tantos anos e que tanto prexudicara a mente das mozas (e dos mozos). Por aquel entón era asistente de Paris Hilton e xa amosaba as súas curvas orgullosa do seu corpo na alfombra vermella. Nin Lindsay Lohan nin a propia Paris Hilton: nacera unha nova raíña de beleza, diferente a todas elas. Mais agora é ela mesma a que da un xiro de 180 graos.
Todo comezou fai xa uns meses, cando se someteu a un plan de dieta e entrenamento moi forte para poder poñerse para a Gala MET (onde todos os famosos lucen traxes metalizados) o icónico vestido de Marilyn Monroe. Así, dixo adeus a parte das súas curvas, apostando pola figura delgada e máis tonificada.
Segundo apuntou, todo foi froito do exercicio constante e de cambios na súa alimentación. E aínda que non todos confiaban na súa palabra, o tema esqueceuse... Ata fai uns días. Reapareceu públicamente no programa The Late Late Show de James Corden (un dos máis importantes da televisión estadounidense) lucindo un vestido con prominente escote.
Todas as miradas se puxeron no mesmo lugar: non había curvas! O peito e a cadeira, dúas características da figura de Kim Kardashian que esta explotou durante anos, reducíronse notablemente, así como os brazos e mesmo a cara, moito máis afiada. Xa hai quen apunta a que puido terse quitado os implantes mamarios e de nalgas.
Ela segue defendendo que a súa perda de peso foi de forma saudable. "Se estivese a morrer de fame e o estivera a facer de forma pouco saudable, diría que, por suposto, non estou a mandar unha boa mensaxe", explicou á revista Allure, engadindo que "contei cunha nutricionista, un entrenador... Nunca na miña vida bebín máis auga".
Sexa ou non certo, o verdadeiro problema vai máis aló: tendo un reality show en televisión seguido moi de preto por milleiros de mozos e mozas en todo o mundo, a súa palabra e as súas accións van a misa, como soe dicirse, para todos eles. Esto supón que sendo icono de beleza, as mozas van a tratar de imitala. Estaremos ante o retorno de problemas alimenticios para lograr a delgadeza extrema como pauta de vida?
A FASHION WEEK XA DEU QUE FALAR
Pasada a pandemia parecía que a nova moda serían os chándales e os pantalóns frouxos, mais no mes de outubro a Fashion Week de París xa fixo saltar todas as alarmas con algo que Kim Kardashian non está facendo máis que confirmar: para 2023 agárdanos unha primaveira/verán na que a tendencia será tallaxes estreitos, ventres planos e roupa mínima.
A estética do desfile da firma Miu Miu foi unha das máis incómodas. Con xerseis e saias curtísimas, tallaxes baixos (como os dos principios dos 2000, cando reinaba Kate Moss) e unhas modelos extremadamente delgadas. Segundo os datos da plataforma Tag Walk sobre as modelos de pasarela, esta tempada 90 marcas incluíran nos seus desfiles modelos de talla superior á 36, frente ás 62 que o fixeron a tempada pasada.
Sen embargo, tras un mes de desfiles, a sensación xeneralizada agora é que volve a delgadez extrema como norma estética dominante. Quizáis teña que ver con iso: os mesmos datos apuntan a que o 92 % das marcas que participaron na Semana da Moda amosaron minisaias curtísimas e o 62 % pantalóns de tiro moi baixo. Tamén volveron os tops mini e a roupa moi axustada. Efecto Kim Kardashian á inversa?
Y2K. Así se bautizou a esta tendencia, como aquel efecto 2000 que tivo como iconos de estilo a modelos hiperdelgadas como Nicole Richie ou as irmáns Olsen, todas elas con trastornos alimenticios e problemas coas drogas. Por aquel entón o concepto de diversidade corporal nin tan sequera existía, nin as redes sociais.
Na actualidade estímase que uns 70.000 mozos e mozas españois posúen trastorno da conduta alimenticia. A nivel mundial, esta enfermidade afecta ao 0,6 % da poboación. E todo iso nun mundo no que as tallas grandes cada vez están mellor vistas. Que nos deparará un futuro que volva a invisibilizalas?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.