Non só os videoxogos triunfan nesta noite de Reis, volven con forza os xogos de mesa

En función das idades, cambian tanto as preferencias dos pais como dos fillos. Descúbreas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

É noite de Reis Magos e, como tal, milleiros de casas por todo o país se encherán de agasallos. Os máis pequenos gozarán dos regalos traídos polos tres reis de Oriente mañá pola mañá. Serán estes xoguetes os que os acompañen ao longo de todo o ano, así que para os pais e nais elixir ben tamén é todo un reto. Non só é importante que o produto lle guste ao pequeno, mellor que mellor se o educa en valores e se é respectuoso co medio ambiente, por exemplo.

O dependente dunha tenda de xoguetes coloca artigos nos andeis dun dos almacéns
O dependente dunha tenda de xoguetes coloca artigos nos andeis dun dos almacéns | Fonte: Álex Zea

Tradicionalmente os xoguetes para estas festas de Nadal mercáronse nas xogueterías, mais cada vez son máis os pais e nais que optan por facer as compras nos grandes supermercados, que ano tras ano incrementan a súa oferta de xogos por estas datas. A cadea Aldi realizou un estudo baseado na tendencia de compra dos proxenitores que arroxa datos moi interesantes, que reflexan que nunha sociedade altamente dixitalizada, non todo está perdido cos máis pequenos.

En concreto, o informe expón que a día de hoxe, para estas festas, os xoguetes que máis se mercan nos supermercados españois, moi por riba do resto, son os xogos de mesa e familiares. Un 55,2 % dos enquisados así o corroboran. Toda unha sorpresa, pois o intuitivo sería que fosen os videoxogos, nun mundo no que todo xira ao redor das pantallas. 

Por detrás dos xogos de mesa, atópanse os vehículos e os xogos de construción e manualidades, todos eles cun 39 % de preferencia entre os pais. Despois estarían os produtos de papelería (libretas, cadernos, pinturas, cores...), que se manteñen nun 38,9 %. Cun 33,77 % sitúanse os xoguetes de personaxes de películas ou de televisión, pero só para os máis pequenos, en función da idade vai diminuíndo o seu éxito.

Pola contra, os últimos postos da lista ocúpanos os xoguetes pedagóxicos (14,4 %), os disfraces (16,7 %) e o mobiliario (18,1 %). Estes son os menos elixen os pais e as nais do país para mercarlle por Reis aos seus fillos e fillas.

Videoxogo de fútbol
Videoxogo de fútbol | Fonte: Commons

PARA OS MÁIS PEQUENOS, XOGOS EDUCATIVOS, PARA OS GRANDES, O QUE PIDAN

E por que hai xoguetes que se mercan máis ca outros? Aínda que a explicación non é doada, inflúen varios factores, segundo expón o estudo de Aldi. O que máis decanta aos proxenitores por un xogo é que este sexa divertido ou entretido (7,8 % dos enquisados así o aseguran). O segundo que máis lles importa é que sexa didáctico ou educativo (7,6 %). E, en terceiro lugar (xa tardaba en saír), que o propio fillo o pedira (7,4 %).

No lado oposto, as cousas que menos motivan a mercan un xoguete ou outro aos pais e nais serían que o visen na publicidade ou na televisión (4,2 %), algo lóxico porque cada vez a tele vese menos e, sobre todo, os anuncios; que estea de moda (4,3 %), algo ao que parece que non sucumben os proxenitores de hoxe en día; ou que xa eles xogasen con ese mesmo xoguete cando eran pequenos (5,5 %).

É curioso ver como os motivos para elixir que mercar cambian en función da idade dos fillos e fillas. Así, quen ten rapaces de cero a catro anos, decántase moito máis por xoguetes de tipo educativo e didáctico (7,9 %), seguido daqueles que son divertidos. Para nenos de cinco a nove anos xa prima que sexa divertido (7,8 %), e despois que o pedira o propio rapaz ou rapaza (7,6 %). Mentres que no grupo de dez a doce anos e de trece a dezaseis, o que decanta a balanza é o desexo do neno ou nena (7,9 % e 8 %, respectivamente).

QUE QUEREN REALMENTE OS RAPACES? MOITO MÁIS QUE VIDEOCONSOLAS

Agora ben, unha cousa é o decidan os pais, e outra o que lles guste aos rapaces. Que din eles ao respecto? Que xoguetes son os seus preferidos? En liñas xerais, o 42 % dos enquisados pide xogos de mesa e familiares e outro 42 % decántase polos videoxogos e xogos de ordenador. Tamén un amplo 36 % opta polos puzzles e encaixables. Como vemos, non todo está perdido nin as novas xeracións só xogan con 'maquinitas'.

Iso si, o que menos lles gusta a todos semellan ser os disfraces (15 %), así como os xoguetes de madeira (22 %), máis propios doutras épocas. Tamén chama poderosamente a atención que os tradicionais coches teledirixidos perden éxito entre os rapaces de agora (25 %). Pero, unha vez máis, todo depende das idades.

Os pequenos de cero a catro anos siguen preferindo recibir puzzles e encaixables (47,6 %), así como xoguetes de construción (46,6 %) e, no seu caso si, xoguetes de madeira (46 %). Entre os cinco e os nove anos, e contra o que podería pensarse, non piden videoconsolas, senón maioritariamente xogos de mesa e familiares (54 %), aínda que o 43,5 % si opta por videoxogos e xogos para ordenador. 

Entre os dez e os doce anos, a preferencia absoluta si que xa é polos videoxogos (67,7 %), ao igual que acontece na franxa de idade entre os trece e os dezaseis (73,6 %). Con todo, a segunda opción de ambos grupos si que son novamente os xogos de mesa e familiares (54,3 % e 50,3 %, respectivamente). 

Xogo de mesa
Xogo de mesa | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta