12 de xaneiro, unha data para lembrar a Ramón Sampedro e os que queren unha morte digna

DMD-Galicia decidiu avanzar cara o recoñecemento institucional do día 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 11/01/2023 | Actualizada ás 21:18

Comparte esta noticia

A DMD-Galicia elixiu o 12 de xaneiro, a data en que morreu Ramón Sampedro, como símbolo do dereito a decidir sobre a propia vida e da loita pola despenalización da eutanasia. Ao redor dese día, na praia das Furnas (Xuño-Porto do Son) realizáronse nestes anos actos “na súa memoria e no recoñecemento da súa contribución á humanización da morte e ao respecto á dignidade e liberdade das persoas”.

Placa homenaxe a Ramón Sampedro no lugar onde sufriu o accidente. JORJUM (CREATIVE COMMONS) - Arquivo
Placa homenaxe a Ramón Sampedro no lugar onde sufriu o accidente. JORJUM (CREATIVE COMMONS) - Arquivo

No mes de xaneiro de 2022 realizaron o derradeiro acto na praia das Furnas, cando xa estaba vixente a Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia. Alén diso, DMD-Galicia decidiu avanzar cara o recoñecemento institucional do día 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galicia.

A finalidade é que ao redor desa data a sociedade civil e as súas institucións desenvolvan as actuacións necesarias para progresar na dignificación da morte na sociedade. Isto faríase “respectando os dereitos das persoas e sinaladamente as súas decisións, atendendo as súas necesidades e a dor e o sufrimento, facilitando o acompañamento por quen queiran”.

É por iso polo que nos últimos meses DMD-Galicia veu desenvolvendo unha campaña de mobilización e recollida de apoios a unha declaración a prol do recoñecemento institucional do 12 de xaneiro como Día da Morte Digna en Galicia. Segundo apuntan nunha nota de prensa, a acollida recibida e o apoio expresado a esta iniciativa de DMDG polas entidades asociativas e institucionais ás que lle foi presentada, foi unanimemente favorable.

DMD-Galicia continuará durante o ano 2023 con esta actividade, “porque debe ser a sociedade galega quen asuma como súa a importante tarefa de protexer a dignidade na morte para toda a cidadanía”.

Por iso, o vindeiro 12 de xaneiro de 2023 DMD-Galicia realizará unha concentración simbólica ás 13 horas na Praza do Obradoiro en Santiago, “á que convocamos a tódalas persoas e organizacións, para apoiar que o 12 de xaneiro sexa o Día da Morte Digna en Galicia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta