Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/01/2023 | Actualizada ás 14:50
Os alcaldes socialistas dalgúns dos concellos da provincia de Pontevedra máis afectados os temporais que golpearon Galicia durante o pasado Nadal reclamaron este xoves unha "resposta inmediata" da Xunta de Galicia para facer fronte aos danos.
A reunión, que tivo lugar na localidade pontevedresa de Tui, foi organizada pola presidenta do PSdeG-PSOE, Carmela Silva, e o secretario xeral provincial socialista, David Regades. Nela, Silva destacou que se dan todos os requisitos establecidos na Lei de Emerxencias de Galicia 5/2007 para que o Consello da Xunta aprobe a emerxencia de interese galego e se habiliten as modificacións orzamentarias necesarias, tal e como establece o artigo 36 deste texto legal.
"A Xunta debe aprobar xa o Decreto para establecer os criterios de repartición das axudas e evitar que se fagan a dedo, como adoita facer o Goberno galego en base á cor política dos concellos. Esta regulación vén recollida expresamente no artigo 38 da Lei de Emerxencias", sentenciou.
Nesta mesma liña, Regades reclamou que a Xunta "deixe de botar balóns fóra" e declare de inmediato a situación de emerxencia de interese galego.
"O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non pode seguir ausente porque hai un clamor de alcaldes e veciños que se escoita en toda a provincia, onde hai moitos concellos gravemente afectados que viron como servizos e espazos públicos quedaron moi danados", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.