A CIG, contraria a pactar nada co empresariado, pide subir o salario medio 150€ máis

Critica á ministra polo seu "case fanatismo" co diálogo social, unha "pantomima" que os "exclúe" e coa que a patronal "sempre gaña".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/01/2025 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, censurou o acordo alcanzado entre o Goberno e os sindicatos CC.OO. e UGT para subir o salario mínimo interprofesional (SMI) ata os 1.184 euros mensuais, ao subliñar que debería ascender a 1.320 euros para chegar ao 60% do salario medio de España tal como establece a Carta Social Europea.

Ademais, o líder da central nacionalista, a organización sindical con maior representatividade en Galicia, criticou a defensa "case fanática" do diálogo social por parte da vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. E é que, segundo lembrou, a CIG ve no diálogo social unha "pantomima" que os "exclúe" e coa que a patronal "sempre gaña", entre ou non entre na firma dos acordos, ao fixar o "marco" de negociación.

Paulo Carril revelou, neste sentido, que o ministerio enviou unha comunicación á central nacionalista na noite deste mércores, unha vez anunciado o acordo, para solicitar observacións sobre a subida do salario mínimo interprofesional."O diálogo social é unha sorte de fosa común onde se enterran os dereitos laborais e o capital consegue blanquear as súas políticas", resumiu o líder da CIG en rolda de prensa, antes de reprobar tamén a "extraordinaria propaganda" en que están "envolvidos" estes "contidos insuficientes".

Precisamente o salario e a xornada laboral forman parte dos 12 puntos reivindicativos cos que a central nacionalista lanza unha campaña baixo a lema 'Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos'.

Susana Méndez e Paulo Carril, da CIG
Susana Méndez e Paulo Carril, da CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta