Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/01/2023 | Actualizada ás 10:00
A produtora audiovisual galega CTV e a portuguesa SPi asinaron hoxe mércores, 18 de xaneiro, un convenio marco de colaboración para fixar alianzas estratéxicas destinadas ao desenvolvemento de proxectos de ficción de carácter internacional. O acto celebrouse no hotel Araguaney-Puente de Culturas e selaron o acordo o presidente de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim, e o administrador do grupo SP Televisão, Jorge Marecos.
Ademais, asistiron ao acto o produtor executivo de CTV, Ghaleb Jaber Martínez; o director de CTV, Xosé Arias; a responsable de Relacións Institucionais de CTV, Ana Ferreirós; o administrador de SPi e CFO, Pedro Rosa; o responsable de Negocios e Coprodución de SPi, Manuel Claro; e o responsable de Desenvolvemento de Proxectos de SPi, Pedro Lopes.
Jaber Ibrahim sinalou que se trata dunha “alianza positiva” para realizar en equipo diversas coproducións. “O obxectivo é ir máis aló da fronteira ibérica e saír ao mercado internacional con producións de todo tipo de xéneros”. Ademais, o presidente de CTV indicou que se aproveitarán as sinerxías que xurdan, “que sempre son unha axuda para que poidamos dar o mellor de nós a través do talento e traballo dos profesionais máis novos de ambas as produtoras”.
Sobre a traxectoria de SPi, Jaber Ibrahim explicou que se trata dunha das máis importantes do sector audiovisual portugués que dispón dun equipo experimentado que realiza traballos nas principais cadeas privadas do país luso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.