Abanca entregará un dividendo en efectivo de 0,013 euros por acción o próximo 2 de febreiro

Este dividendo súmase aos outros tres que xa repartiu a conta dos beneficios de 2022.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2023 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

O consello de administración de Abanca acordou hoxe abonar o cuarto dividendo a conta dos beneficios de 2022 de 0,01360 euros brutos por acción, segundo a notificación da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Este dividendo repartirase o próximo 2 de febreiro entre aqueles que sexan accionistas o 30 de xaneiro de 2023. En total, distribuirá 30,48 millóns de euros.

Este pago efectivo está suxeito á retención fiscal (19%) que legalmente proceda sobre o importe bruto, no seu caso. Este acordo foi notificado a Cecabank, entidade encargada de levar o rexistro contable de valores anotados en conta, ao ser nomeada entidade axente de pagos do dividendo.

Este dividendo súmase aos outros tres que xa repartiu a conta dos beneficios de 2022. En novembro, repartiu 13,8 millóns de euros, en agosto, 9,24 millóns de euros e en maio, 32,47 millóns.

Este venres, Abanca presentou os seus resultados de 2022 que recollen un beneficio neto de 217 millóns de euros, un 40,7% máis en termos recorrentes (eliminando o efecto da integración de Bankoa e Novo Banco en 2021), que no exercicio anterior, unha cuestión que a entidade achacou ao "bo" comportamento do negocio e ao control do custo do crédito.

REBAIXA DO 'PAYOUT'

En rolda de prensa para presentar as contas, o presidente da entidade, Juan Carlos Escotet, destacou que se reduciu a porcentaxe de beneficio dedicado ao dividendo ('payout') do 40% ao 25% en 2023 para "fortalecer a capacidade de afrontar operacións de alto valor", nunha postura "ao contraxeito do mercado". Así o expuxo tras subliñar o oito adquisicións realizadas pola entidade desde 2015, a última a de Targobank --a operación pecharase na segunda quincena de febreiro--.

Ademais, Escotet incidiu na intención de manter a mirada posta en futuras compras, con base nunha "combinación en clave gañadora" de crecemento "orgánico e inorgánico".

Oficina de Abanca
Oficina de Abanca | Fonte: Abanca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta