Por Moncho Mariño | Santiago | 31/01/2023 | Actualizada ás 22:11
A sentenza contra o grupo de homes coñecido como “La Manada”, xulgados por agredir sexualmente a unha moza en 2017 durante as festas de San Fermín en Pamplona, foi o detonante para esixir cambios legais sobre os delitos de tipo sexual. A presión de grupos sociais e políticos buscaron unha reforma legal “garantista” para a vítima de violencia sexual e que dita violencia sexa vista unicamente como “agresión” contra a integridade e liberdade sexual da persoa. Despois de debates, algúns con polémicas parlamentarias incuídas, a nova lei entraba en vigor o 7 de outubro de 2022, e a polémica apareceu outra vez. Persoas condenadas por delitos sexuais recorreron as súas sentenzas e varios xulgados reduciron as condenas. Os grupos contrarios á lei pediron a súa revisión, cando non a nulidade da mesma, ou polo menos engadir unha disposición transitoria para ir dunha lei anterior á actual.
QUE BUSCA ESTA LEI?
“Evitar a revictimización” da persoa agredida. Isto explicábase pola necesidade de declarar varias veces por parte da vítima até a chegada do xuízo e demostrar que houbera intimidación e violencia por parte das persoas agresoras. Ademais, está o medo da persoa agredida a declarar, “porque é difícil de narrar un trauma así”.
“Esta lei vai de recursos e acompañamento da muller” di Verónica Hermida, responsable de Política e Comunicación de Podemos Galicia. “As vítimas teñen máis protección e máis recursos porque os datos apuntan que só o 8% das vítimas de agresión sexual denuncian”.
A nova lei nace como froito “do Acordo de Estambul de 2011 do Consello de Europa e ao que España se une en 2014” lembra a deputada do BNG Olalla Rodil. “O caso do futbolista Dani Alves, demostra como se proporciona protección á vítima sen necesidade de demostrar a existencia de violencia e intimidación”.
“Todo isto nace da sentenza contra “La Manada”, cando se dixo aquilo de “non é abuso, é violación” e ao final o Tribunal Supremo sentenciou agresión sexual” di Silvia Fraga do PSdeG quen trae á memoria un dato: “en maio de 2018, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy e o ministro de Justicia, Rafael Catalá, vían necesario un cambio legal para non ter dúas figuras “abuso” e “agresión””.
A pesar do espírito garantista cara a vítima, cando esta lei “busca a protección da muller”, a situación estoupa así que comezan a aparecer sentenzas que rebaixan penas a delincuentes sexuais. Non foron casos illados, foron varios e isto trouxo a consecuente reacción.
“Desde o PPdeG xa tiñamos sinalado que a posta en marcha da lei logo dun proceso cunha mala técnica administrativa podería traer rebaixas de penas como xa vimos”, apunta Paula Prado, deputada do PPdeG. “O CGPJ tamén o avisou e por iso é necesaria unha rectificación deste texto. A lei é mala porque revictimiza ás persoas agredidas por ver como saen os seus agresores antes de cumprir condena”.
ONDE ESTÁN AS FALLAS?
A deputada Paula Prado sinalaba unha elaboración equivocada do texto legal sobre a liberdade sexual. Ese aspecto foi aludido ante a ausencia dun elemento que desde o PP consideraron necesario enxertar no texto, unha disposición transitoria: “Precepto incluído na parte final dun texto normativo para facilitar o tránsito ao sistema xurídico previsto por unha nova norma”.
“Se non se fixo esta disposición foi pola soberbia e a mala fe deste goberno que non rectificou. A nosa proposta implicaba a transición dunha lei a outra, pois un novo texto lexislativo acaba afectando a outras leis”, remarca Prado. “A lei fíxose mal e cando viron que isto era así deberían tela posta en mans xurídicas para crear informes” que en principio axudarían a rectificar a lei.
Detrás das rebaixas de pena “hai unha distorsión do que se aplicou no seu momento” di Verónica Hermida, “estase poñendo á vítima en tensión”. Alén diso, Hermida afirma que “a nova lei unifica tipoloxías delictivas e de aí que haxa un abano moi amplo” onde hai delitos con penas maiores ou menores. España, como estado garantista cara a persoa acusada, sempre busca a pena menos mala, de aí que as rebaixas aplicadas mediante a nova lei sexan unha interpretación case que “distorsionada” do articulado, como apuntan fontes consultadas.
Pola súa parte, Olalla Rodil apunta “que se había algunha distorsión era necesario revisala” pois “a xudicatura ten que aplicar a lei”, a nova lei, e para iso fai falta, segundo Rodil, formación. “Tanto xuíces, forzas de seguridade, médicos e profesores deberan estar formados pensando na lei e na liberdade sexual das persoas”.
“O chocante aquí é a rapidez en revisar as penas cando o sistema xudicial sempre se distinguiu pola súa lentitude”, Silvia Fraga. Sobre a postura do PP en canto revisión do texto “por que non presentaron enmendas?”. “Era posible unha disposición tansitoria para evitar estas revisións, mais non houbo acordo para creala”, entre os grupos políticos.
O debate sobre a “lei do só si é si” arrincou para uns, de mala maneira, para outros preservando o esencial: a non revictimización da persoa agredida. Desde o Goberno sentiuse a necesidade de cambiar a lei sobre violencia sexual, desde a oposición consideraron que non se ofrecían garantías abondo para as persoas agredidas. A revisión de penas é unha arma de ida e volta que para algúns demostra a ineficacia do texto lexislativo de 2022 e para outros é só un paso para ila consolidando.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.