'Hamelin', a obra sobre abusos infantís, arrinca en Santiago as súas representacións en Galicia

Redrum Teatro representará esta peza, baixo a dirección de Álex Sampayo, os próximos 23 e 24 de febreiro no Teatro Principal

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2023 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá o próximo 23 e 24 de febreiro ás 20,30 horas a estrea de 'Hamelin', unha adaptación de Redrum Teatro a partir do texto dramático de Juan Mayorga que trata sobre abusos infantís, unha problemática "con moitas caras".

A concelleira de Acción Cultural da capital galega, Mercedes Rosón, presentou esta obra no Concello de Santiago de Compostela, acompañada do director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e do director da peza, Álex Sampayo.

Nesta décimo sexta obra da compañía Redrum Teatro, Alex Sampayo dirixe unha historia que trata sobre os abusos na infancia, un tema que fará reflexionar aos asistentes, xa que se mostra este problema "con moitas arestas e lecturas", o que xera que, segundo Sampayo, "non hai personaxes bos ou malos".

Xunto á dirección de Sampayo atoparase un elenco de sete intérpretes que, á parte de actuar, tamén serán os encargados da iluminación. Ademais, esta peza, como a función orixinal de Juan Mayorga, non terá escenografía nin máis vestiario que un traxe negro, de forma que o "público terá que imaxinarllo".

Durante a presentación, todos os participantes animaron á poboación a acudir a semana que vén gozar "" destas dúas citas do espectáculo para as que aínda quedan entradas. Estas pódense adquirir a través da plataforma www.compostelacultura.gal e na Zona C (Praza de Cervantes).

SEGUNDA ADAPTACIÓN DE JUAN MAYORGA

Esta é a segunda ocasión na que a compañía adapta un texto de Juan Mayorga, gañador do Premio Princesa de Asturias das Letras en 2022. Neste caso, trátase da "aclamada" obra 'Hamelin', que gozou dun gran éxito na súa estrea no ano 2005, o que, para o director da peza, é unha "dobre presión" polas comparacións que pode ter esta adaptación co orixinal.

Precisamente, Sampayo confesou que o soado dramaturgo español estará entre os asistentes ao espectáculo o venres 24 de febreiro, o que será "unha gran motivación para o elenco". Esta obra inspírase nun feito real ocorrido no Raval de Barcelona a finais dos anos 90 e reflexiona sobre "como a nenez é a que paga os pecados dos propios adultos", asegurou Sampayo.

OUTRAS PARADAS

A capital galega non será o único lugar de Galicia no que se poderá ver esta obra. Jacobo Sutil lembrou que este "proxecto vencedor" proseguirá a súa xira durante as próximas semanas. As próximas funcións serán en Cangas (Pontevedra) o 4 de marzo; en Pontevedra o 9 de marzo; na Illa de Arousa (Pontevedra) o 1 de abril; en Teo (A Coruña) o 28 de abril; e en Verín (Ourense) o 6 de maio.

Rolda de prensa de presentación do espectáculo Hamelin, de Redrum Teatro. XOÁN CRESPO
Rolda de prensa de presentación do espectáculo Hamelin, de Redrum Teatro. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta