A Xunta crea unha área de Turismo Termal para proxectar Galicia como "un referente no termalismo"

Terá a sede en Ourense e encargarase de "coordinar e asumir" todas as decisións e iniciatvias en materia de termalismo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2023 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a creación da área de Turismo Termal, con sede en Ourense, tal e como anunciara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello do 16 de febreiro. Esta sección "ten como principal obxectivo a proxección exterior de Galicia como un referente no termalismo".

Nun comunicado lembraban que Galicia "é a primeira potencia termal de España, en gran parte grazas a Ourense, que é a segunda cidade europea con máis fontes termais, de aí a localización da área", que se encargará de "coordinar e asumir" todas as decisións e iniciatvias en materia de termalismo, cuxas competencias están agora repartidas entre diferentes Consellerías".

Esta área, integrada na dirección da Axencia de Turismo de Galicia, "potenciará a posta en valor turístico dos recursos naturais e culturais vinculados ao termalismo en Galicia, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de forma que conduzan ao impulso de Galicia como destino termal".

Entre as súas funcións estará a de fomentar a modernización de infraestruturas existentes e crear outras novas; diversificar o sector para atraer a novos segmentos de poboación; promover a integración do termalismo galego en proxectos europeos de turismo de saúde; ou a creación dunha marca propia que identifique o turismo termal galego.

Auga quente procedente da xeotermia nas termas de Outariz, preto da cidade de Ourense
Auga quente procedente da xeotermia nas termas de Outariz, preto da cidade de Ourense | Fonte: galiciaunica.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta