Por E.P. | Ourense | 16/03/2023 | Actualizada ás 17:24
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse este xoves ata O Carballiño para presentar á candidata nacionalista á Alcaldía, Sofía García Hermida, a quen definiu como "unha muller comprometida co seu concello", con "ideas, propostas" e con "capacidade" para facer do municipio "unha vila mellor, abrindo un tempo novo".
Pontón destacou que O Carballiño "ten que deixar de retroceder" e para conseguilo esgrimiu que "non pode continuar con vellas formulas fracasadas", pondo de exemplo os modelos municipais de Allariz e Pontevedra, onde goberna o BNG, como "modelos municipais de éxito".
Neste sentido, dixo que a localidade "ten potencial" para "ser referencia", ter dinamismo económico, "xera riqueza, emprego e oportunidades para a xente nova", así como servizos públicos de calidade.
Así presentou o proxecto do BNG para a vila, liderado por Sofía García. Unha proposta "transparente na súa xestión, de portas abertas á participación cidadá" e que ten ideas para revitalizar o sector turístico, "empezando polo gran valor que é o termalismo, cun balneario que debe ser modernizado e ampliado".
Pola súa banda, a candidata no Carballiño manifestou asumir o reto "con ilusión e responsabilidade", garantindo que estará marcado por "o compromiso, o rigor e a honestidade" e poñendo as políticas de benestar social públicas e de calidade como "prioridade" no seu modelo para a vila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.