Por Europa Press / Redacción | Galicia | 17/03/2023 | Actualizada ás 12:49
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confirmou que a súa formación volverá expor no Parlamento a creación, por parte da Xunta, dun fondo de rescate hipotecario, sufragado nun 75 % pola banca, tras o novo "mazazo" da subida de tipos anunciado nas últimas horas polo Banco Central Europeo (BCE).
En declaracións nun acto no barrio vigués de Teis, Pontón subliñou que a nova subida de tipos de interese afectará de forma directa a 175.000 familias galegas que teñen unha hipoteca, e ás pemes que verán encarecidos os seus créditos. Este "abuso", que recaerá sobre a maioría social, prodúcese "co agravante" de que Galicia ten salarios por baixo de media estatal e as segundas pensións máis baixas do Estado.
Nese contexto, Ana Pontón lembrou os 90.000 millóns de euros destinados a "salvar" á banca na anterior crise económica, que as entidades "non devolveron". De feito, os cinco grandes bancos de España gañaron en 2022 un total de 20.000 millóns de euros e "seguen facendo caixa á conta de espremer como limóns ás persoas".
Por iso, a portavoz nacional advertiu de que "hai que actuar" e non aceptar políticas que levan a que a crise "a volvan a pagar as clases baixas e medias". Así, sinalou que o BCE debe revisar as súas políticas de tipos, que non serven para conter a inflacción, e deben intervirse mercados como o eléctrico ou o de carburantes.
FONDO DE RESCATE
Así mesmo, apuntou á Xunta de Galicia, que "está a arrastrar os pés nesta crise" e "non lle importan os problemas que quitan o soño á maioría da cidadanía". Nese sentido, confirmou que o BNG levará de novo ao Parlamento de Galicia unha proposta para que o goberno galego poña en marcha un fondo de rescate hipotecario, sufragado nun 75 % pola banca, porque "é o mínimo que deben facer, unha vez que non nos devolveron o rescate bancario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.