Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2023 | Actualizada ás 18:48
A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga), organizou en Vilameá, no concello de Lobios, un acto de homenaxe aos profesionais falecidos na extinción de incendios forestais.
Durante a xornada, á que asistiron máis de 80 persoas, colocaron unha placa honorífica cos nomes do tres últimos pilotos de aeronaves falecidos e unha escultura dun avión en plena descarga de auga e persoal en terra en plena extinción do lume, realizada por Toño Monteiro, artista de Lobios.
Así, os presentes lembraron a Jorge Manuel Santana Jardim (Portugal) e Maximiliano Praza Bretón (Salamanca), falecidos en 2020 na Serra de Santa Eufemia; e Santiago Durán Alzugaray (Sevilla), que faleceu en Pena Trevinca en 2022.
Tamén o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou no acto, onde trasladou que "Galicia ten unha débeda de recoñecemento para todos eles". "E nós, unha débeda de recordo", engadiu. Nesta liña, o presidente de Aprafoga, Félix Pérez de la Fuente, leu un manifesto en memoria das vítimas e agradeceu a presenza de familiares, profesionais do sector e autoridades.
A homenaxe terminou cunha ofrenda floral por parte de axentes ambientais, membros de Apropiga, a xunta reitora da Comunidade de Montes de Río Caldo; a empresa de medios aéreos para a extinción deincendios forestais; o Instituto da Conservaçao da Natureza e dás Forestas (Rexión norte); bombeiros voluntarios de Ponte da Barca; a Cámara Municipal de Ponte da Barca e a Corporación Municipal do concello de Lobios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.