Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2023 | Actualizada ás 13:51
A Xunta defendeu a súa política en materia cultural, a través da actividade que realizan o Centro Coreográfico e o Centro Dramático Galego, en resposta ao baixo orzamento para ambas as entidades denunciado polo BNG. Na mesma liña, negou, fronte ao exposto polos socialistas no Parlamento galego, que os 'Bonos Cultura' discriminen ao rural.
Foi na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego na que a deputada nacionalista Mercedes Queixas preguntou sobre as previsións do Goberno galego respecto destes centros, aludindo a un descenso de partidas nos últimos anos. Ademais denunciou "falta de planificación" e un "desmantelamento das unidades de produción", ademais de aludir á posible eliminación de axudas á distribución interna, algo que negou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
'BONOS CULTURA'
Outro dos asuntos que suscitou a crítica da oposición foi os 'Bonos Cultura', despois de que por parte dos socialistas se solicitara información sobre a procedencia xeográfica das persoas beneficiarias dos mesmos.
A deputada do PSdeG Noa Díaz argumentou que se discrimina ao público das zonas non urbanas, un feito que vinculou cos problemas de conexión e reclamou datos por concellos para constatar, dixo, esta denuncia.
O secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, cifrou en 111.000 as operacións realizadas nos dous últmos anos, con máis de 500 entidades adheridas cada ano. Tamén incidiu no "cumprimento" do obxectivo, en alusión ao "apoio á cultura galega, pero sen dirigismo", dixo despois de ser preguntado pola deputada socialista sobre a repercusión concreta na compra de produtos culturais galegos.
BOLSAS PARA ESTUDANTES
Ambos os asuntos tratáronse nunha Comisión na que os socialistas, a través da súa deputada Noelia Otero, preguntaron sobre a previsión para pór en marcha medidas extraordinarias para "reforzar e aumentar" as bolsas para o estudiantado.
Fíxoo ao rexeitar que exista un incremento no investimento a este respecto, argumento rexeitado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, quen aludiu, entre outras, ás axudas para libros e material escolar, para comedores ou a conxelación de taxas universitarias. "Axudas que benefician a tres de cada catro familias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.