Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2023 | Actualizada ás 18:16
Coñecer os posibles efectos contaminantes e nocivos do emprego do caucho reciclado en superficies construtivas como campos de fútbol ou parques infantís foi o obxectivo da tese doutoral do químico Daniel Armada Álvarez, da USC, que analizou a composición destes materiais e a súa difusión cara ao aire e a auga.
En concreto, o investigador detectou que algunhas das mostras de caucho reciclado analizadas excedían os límites legais marcados pola Unión Europea. En concreto, para o granulado de caucho empregado en campos de fútbol de céspede artificial e en lousas de parques, existe un límite legal no que se restrinxe a concentración de oito hidrocarburos policíclicos aromáticos (PAHs), e outro límite para materiais plastificados, entre os que se inclúe o caucho.
Neles, acoútase legalmente a concentración máxima de catro plastificantes (ftalatos) que poden ocasionar riscos para a saúde e o medio ambiente. Dúas superficies do total das 58 analizadas da Unión Europea superaron os límites legais establecidos, unha no relativo aos PAHs en Suecia e outra que superou o límite para plastificantes en Italia.
O resto de irregularidades detectadas situábanse fóra do marco comunitario e, por tanto, non están suxeitas á súa lexislación. Do total de mostras analizadas, un 4% superou o límite para PAHs e outro 4% excedeu o límite para plastificantes. En total estudáronse 78 mostras de granulado de caucho recolleito en 17 países.
O estudo tamén abordou a posible contaminación das augas e aire lindeiro con estes materiais. "Obsérvase unha transferencia continuada cara a auga. Tanto as mostras simuladas en laboratorio como as recollidas en campos de fútbol teñen concentracións baixas e non superaron os niveis legais para os compostos estudados en augas", apunta Daniel Armada.
No caso do aire acontece algo similar: "detéctanse unha serie de compostos que en ningún caso superaron os límites legais establecidos", destaca. Finalmente, o estudo de bioaccesibilidade revelou a presenza de varios PAHs en fluídos gastrointestinales humanos sintetizados no laboratorio, ademais de compostos químicos que se relacionan coa morte prematura de diferentes especies acuáticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.