Por Europa Press / Redacción | VIGO | 13/04/2023 | Actualizada ás 19:24
A Fiscalía pide 17 anos de prisión para un home acusado de asasinato e que, en xaneiro de 2021, presuntamente acoitelou ata a morte a outro home, que vivía no hostal de Mondariz onde o propio procesado se aloxaba neses momentos.
Segundo se recolle no escrito de acusación do Ministerio Público, os feitos ocorreron en xaneiro de 2021. Neses momentos, acusado e vítima eran os únicos hóspedes dun hostal en Mondariz, e mantiñan unha mala relación de veciñanza porque, ao parecer, o acusado puña música a gran volume de madrugada, daba golpes na parede e pedía con frecuencia tabaco á vítima.
A vítima, que levaba 17 anos vivindo nese establecemento, trasladou á propietaria do negocio as súas queixas pola actuación do acusado e este, ao decatarse, díxolle ao outro hóspede que o fodeu e que o ía a "pasar pola pedra".
O 9 de xaneiro de 2021, o acusado comprou un coitelo de cociña nun bazar de Ponteareas, cunhas características que, segundo o informe forense, son compatibles coas múltiples feridas que presentaba o corpo da vítima ("entre 80 e 90" lesións incisas por arma branca).
A Fiscalía sostén que, nalgún momento entre a tarde do 17 de xaneiro (cando a vítima foi visto con vida por última vez) e a noite do 22 de xaneiro (cando foi localizado o seu cadáver), o acusado acoitelouno ata matalo. O procesado foi diagnosticado hai anos de psicose esquizofrénica paranoide e estivo hospitalizado en varias ocasións. Así mesmo, consta que non ten unha boa adherencia ao tratamento que debe recibir de modo crónico.
DELITO E PENAS
Por estes feitos, acúsao dun delito de asasinato, e pide que se lle aplique a atenuante de alteración psíquica, xa que é posible que, no momento dos feitos, tivese unha diminución parcial da súa capacidade volitiva, aínda que non conste unha diminución nas súas facultades intelectivas.
Así, reclama que se lle impoña a pena de 17 anos de cárcere e que se lle prohiba achegarse ou comunicarse cos parentes da vítima por un período de 23 anos. Tamén pide que indemnice aos familiares do falecido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.