Besteiro insta a Rueda a solucionar o conflito entre bateeiros e percebeiros

O alcalde de Vilagarcía asegura que "a Xunta ten que sentar con todas as partes e tentar chegar a un entendemento canto antes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2023 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a porse "ao choio" para solucionar o conflito entre bateeiros e percebeiros. Así o manifestou este venres ao ser preguntado pola protesta protagonizada o xoves por 'bateeiros' en Santiago de Compostela no marco do conflito que manteñen cos 'percebeiros' pola extracción de fazula e na que se rexistraron cargas policiais.

Sobre a actuación policial, Besteiro, que lembrou que hai 16 policías feridos, remitiuse á información facilitada o xoves pola Subdelegación do Goberno na Coruña. En concreto, a Subdelegación sinalou que os 'bateeiros' "tentaron acceder ao edificio rubindo polo enreixado". Isto motivou, segundo o seu relato, que axentes da policía nacional tentasen "impedir esta acción" e como resposta, segundo a Subdelegación do Goberno, "comezasen a lanzar pedras e ramas contra a Policía e a incendiar colectores".

Deste xeito, Besteiro limitouse a sinalar que o que hai que facer é "tentar resolver o conflito" sobre unha cuestión na que a competencia é da Xunta e que afecta a "moitísimas familias". "Insto a que esa mediación, ese exercicio da competencia sexa eficaz e solucione o problema", insistiu Besteiro, que se referiu tamén ao "importante custo económico" que ten este conflito.

O delegado do Goberno en Galicia pronunciouse deste xeito en declaracións aos medios tras reunirse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela. Precisamente, o rexedor aurousano considerou que o conflito se produce porque "a medicación" da Xunta "non está a funcionar" e considerou que as administracións deben estar para "liquidar problemas" e "non para crealos".

O delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese co presdiente da Fegamp, Alberto Varela, na sede do ente municipalista
O delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese co presdiente da Fegamp, Alberto Varela, na sede do ente municipalista | Fonte: DELEGACIÓN DO GOBERNO

PRIMARIAS NO PSdeG

Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, volveu a sinalar que está centrado no seu labor á fronte da Delegación do Goberno e rexeitou pronunciarse sobre se se presentará ás primarias para ser candidato do PSdeG á Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta