Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 17:13
A Garda Civil informou do achado dun cadáver na mañá deste luns no río Ulla, na fronteira entre as provincias da Coruña e Pontevedra.
Así o confirmaron a Europa Press fontes do Instituto Armado, que precisan que o achado se produciu pasadas as 11,00 horas na contorna da Ponte de Gundián, que conecta os municipios de Vedra e A Estrada. As mesmas fontes precisaron que o corpo o atopou unha senderista.
O FOCO EN DESAPARICIÓNS SEN RESOLVER, COMO A DE ÓSCAR GARCÍA
Polo momento, descoñécese a identidade da persoa á que correspondería o cadáver, aínda que a investigación céntrase en desaparicións pendentes de resolver.
Unha das procuras activadas na contorna é a de Óscar García Lema, o veciño de Teo de 62 anos que desapareceu o pasado 29 de marzo en Cepeda, en Cacheiras, no citado municipio coruñés.
INVESTIGACIÓN E PROCURA CON VOLUNTARIOS
Tras a desaparición de García Lema realizáronse numerosas batidas nas que participaron tamén voluntarios civís, mentres que a Garda Civil mantiña abertas "todas as hipóteses" en relación á súa desaparición.
A finais da pasada semana anunciouse que se suspendían as batidas con voluntarios, pero esta mesma mañá, á primeira hora, a Garda Civil aclaraba que a procura e a investigación continuaban activas. Así mesmo, trasladaban que, se se considerase preciso, volveríase a pedir a colaboración cidadá.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.