Pachi Vazquez, o ex líder socialista que quere farcerlle sombra ao PSdeG

O ex secretario xeral do PSdeG impulsa ata 17 candidaturas independentes, moitas delas, con "cabreados e desencantados" do PSdeG. O seu obxectivo é ser a "cuarta ou quinta" formación política nas municipais en Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Pachi Vázquez... concelleiro, deputado provincial, alcalde, deputado galego, conselleiro e secretario xeral do PSdeG. E que pasou para que quen era un dos chamados a ser a "chave do cambio" dentro do socialismo galego, pasara a ser un dos seus principais opositores no campo electoral do municipalismo?.

Pachi Vázquez durante a súa etapa de secretario xeral do PSdeG
Pachi Vázquez durante a súa etapa de secretario xeral do PSdeG | Fonte: EP

"Pachi representa o político tradicional ourensán. Un camaleón quen non para ata conseguir os seus obxectivos", asegura un veterano dirixente político que o coñece ben e coincidiu con el no Parlamento galego. E é que este médico de formación, que leva case toda a súa vida metido en política, non está disposto a tirar a toalla.

Con 33 anos presentouse polo CDS á alcaldía do Carballiño e, 36 anos despois, tras a súa fichaxe frustrada no PSdeG, volve tentar aspirar a gobernar este concello do que xa foi alcalde durante 20 anos, de 1995 a 2005. Este ano decidiu dar o paso á política galega. Un cambio que marcou un antes e un despois na vida de Pachi Vázquez. Na súa época en Santiago, o carballinés  pasou de ser deputado, a conselleiro con Touriño e, posteriormente, tras a perda da Xunta en 2009 e a marcha deste, foi elixido secretario xeral, cargo que mantivo ata 2013, cando tras o fracaso nas galegas do 2012 decidiu non presentarse á reelección.

Desde entón, e cunha impotación xudial que tamén quedou en nada, Pachi Vázquez estivo tentando manter o pouco poder orgánico que mantiña no PSdeG, especialmente, na provincia de Ourense ata que chocou con Rafael Rodríguez Villarino, na provincia, e con Gonzalo Caballero, a nivel galego. En 2018 abandonou o PSdeG e en 2019 anunciaba unha nova formación, Espazo Común, coa que se presentou a alcaldía do Carballiño. Sacou tres concelleiros con ex militantes socialistas, pero non serviron para influír na política local tras a maioría absoluta do PSdeG na vila. Logo veu a pandemia e lonxe de quedar no anonimato, Pachi volveu coller a bata de médico para dar consellos a través das redes sociais.

E SEGUE NA POLÍTICA

Tres anos despois, e con 69 anos, deixou as redes e os consellos médicos para volver centrarse no que mellor se lle dá, a política. E, desta volta, Pachi Vázquez recunca con forza abandeirando un total de 17 candidaturas en todo o territorio galego. "Estes catro anos non foron en van. Falou con moitos cabreados do partido", aseguran fontes consultadas.

O líder de Espazo Común e candidato no Carballiño, Pachi Vázquez, presenta a súa candidatura
O líder de Espazo Común e candidato no Carballiño, Pachi Vázquez, presenta a súa candidatura | Fonte: ESPAZO COMÚN

E froito dese "cabreo" e dese "desencanto" dalgúns ex militantes socialistas que no seu día camiñaron ao seu carón, Espazo Común ampliou a súa esfera de actuación. "Comezamos con Espazo Común en Carballiño hai catro anos e, despois dese tempo, con traballo e responsabilidade, empezáronme a chamar persoas de concellos, de Ponteceso, A Guarda, Santa Comba, Mazaricos ou Teo para unirse. Estamos a falar de cidades con vinte mil habitantes", apuntaba o propio Pachi este luns na presentación da súa candidatura á vila ourensá.

E QUE É ESPAZO COMÚN?

"Espazo Común incorpora moita xente porque ten unha característica moi sinxel: definímonos como socialdemócratas galeguistas, pero damos autonomía á xente e o único que lle pedimos é implicación na política local", manifestou. E, con esta teoría "simple", Espazo Común presentará candidaturas en Santa Comba, Ames, Tordoia, Mazaricos, Teo e Ponteceso na circunscrición coruñesa, na que tamén participará coas candidaturas que Unidade Local presenta nos municipios de A Coruña, Arteixo, Culleredo e Cambre. En Pontevedra haberá representación na Guarda.

En canto a Ourense, ademais de competir no Carballiño, presentarán listas en Piñor, San Amaro, Amoeiro, Laza e Carballeda de Valdeorras. A única provincia que lle quedou sen apañar é Lugo. Tampouco estará na cidade de Ourense. "En Ourense capital estivemos ata o último momento pendentes de pechar un acordo con outra formación política, o Partido Galeguista, pero decidimos non presentarnos porque non daba tempo", dixo.

Vázquez destacou que "todo é mérito da capacidade de convocatoria" que "deu un resultado sorprendente" porque a formación "ten recursos cero e non ten capacidade económica". "O noso capital político son os nosos teléfonos móbiles e a nosa capacidade de traballo, nada máis", dixo.

E toda esta mobilización non é para nada. A finalidade de Vázquez é volver influír na política galega desde o espazo local, o que mellor manexa e, de paso, saldar contas, se pode, co seu ex partido. O obxectivo é claro. "Paréceme sorprendente que podamos chegar a ser a cuarta ou a quinta formación política con máis representación en concellos galegos", celebrou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta