Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/04/2023 | Actualizada ás 11:17
"Unha plataforma que permite a diagnose, empoderamento, rehabilitación personalizada e xestión clínica de pacientes afectados por COVID persistente". Isto é COPERIA, un ambicioso proxecto de tres pemes e dous organismos de investigación galegos que o vindeiro mes de abril rematará cos ensaios clínicos tras dezaoito meses de traballo colaborativo. Trátase dun sistema que permite o cribado de persoas con COVID persistente e axúdalles aos pacientes a anticipar brotes de síntomas incapacitantes. Tamén potencia o desenvolvemento de novas ferramentas de rehabilitación personalizadas, e facilita a xestión diaria dos pacientes por parte dos profesionais.
Este sistema incide en tres factores fundamentais: a diagnose (DICOPERIA), a rehabilitación física (ECA COPERIA REhab) e na rehabilitación cognitiva (ECA COPERIA Cog). A plataforma tecnolóxica desenvolvida axuda na xestión da COVID persistente tanto por médicos como pacientes. Nela empréganse tecnoloxías diagnósticas que, mediante intelixencia artificial, permiten a estratificación de pacientes e a avaliación dos seus síntomas. O obxectivo final é a mellora das condicións das persoas afectadas, mediante tratamentos de rehabilitación física e cognitiva, así como información, sobre a enfermidade.
Juan Prieto, xefe de proxectos de Bahía Software e xefe técnico do proxecto, que traballou na plataforma técnica, sinala que “o obxectivo ao desenvolver a plataforma é poder proporcionar un medio sinxelo e fácil de usar para que os doentes poidan ter acceso a súa información, contidos de interese e acceso ós programas de rehabilitación en calquera parte usando o seu terminal móbil ou tablet”. Igualmente, o sistema está preparado para poder integrarse facilmente con sistemas sanitarios existentes e facilitar o fluxo de información entre os diferentes profesionais sanitarios.
INTELIXENCIA ARTIFICIAL
No ámbito da rehabilitación física, púxose en marcha unha plataforma dixital inspirada nas recomendacións clínicas máis recentes sobre a rehabilitación de pacientes coa enfermidade. O programa baséase na propia xestión que fai a persoa afectada, nunha dosificación individual do exercicio e nun seguemento individualizado por profesionais con ampla experiencia en rehabilitación.
Finalmente, en canto á rehabilitación cognitiva, desenvolveuse unha batería de serious games, deseñados para adestrar capacidades mentres se usan. O programa de traballo realízase de forma online en dispositivos móbiles -teléfonos intelixentes ou tabletas- con pacientes con síntomas de deterioro cognitivo. Ademais de axudar na recuperación, a utilización dos xogos aporta información clínica que axudará no seu tratamento. A app está dispoñible na seguinte ligazón: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.bahiasoftware.lite.coperia
Unha das pezas claves para o desenvolvemento de COPERIA son os pacientes que, nun número de 140, están a participar nas tres análises clínicas, un proceso no que traballa o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e do que en breve se coñecerán os resultados.
O consorcio COPERIA está formado por Bahía Software, imaxin|software, 10METS, a Fundación Biomédica Galicia Sur, o Grupo de Tecnoloxías Multimedia Vigo e o Laboratorio de Informática Aplicada da Universidade de Vigo. O proxecto conta igualmente coa colaboración da Asociación de Pacientes COVID Persistente España (ACPE), que confirmou o seu interese nunha iniciativa tan necesaria para o colectivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.