O 28M para a posición: entre a "corrente de simpatía" do BNG e a "fórmula de éxito" do PSdeG

Pontón avanza unha subida relevante de votos e alcaldías para o Bloque no 28M. O PSdeG eríxese en "forza confiable" nas municipais, para as que despregará 1.253 actos de campaña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

BNG e PSdeG están convencidos de que estas eleccións van marcar un antes e un despois no poder do PPdeG en Galicia e cren que pode ser o inicio da fin dos populares no goberno da Xunta.

Urna eleccións- Arquivo
Urna eleccións- Arquivo

Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou a "corrente de simpatía" que observa cara á formación nacionalista, o que está segura de que se traducirá nun resultado de maior apoio ás candidaturas da súa formación o 28M e en máis poder municipal, un dos obxectivos que se marcan como primeira parada deste novo ciclo electoral tras converterse en segunda forza política no Parlamento de Galicia nas autonómicas de 2020.

Non en balde, á marxe da campaña de modelo concreto para cada concello, os nacionalistas queren que as municipais sexan o comezo de "un tempo novo para unha nova Galicia", de maneira que se "inicie a transformación dos concellos que finalizará con Ana Pontón como presidenta a partir de 2024", en palabras da candidata de Santiago, Goretti Sanmartín.

Na súa intervención a apenas unhas horas do inicio oficial da carreira cara ás urnas nun dos miradoiros da Alameda compostelá, Pontón manifestou que o nacionalismo galego "sae a gañar un novo país" e a "construír cidade a cidade e vila a vila".

OS "MELLORES" CANDIDATOS

Pontón asegurou que o BNG presenta aos "mellores" candidatos que nunca presentase, con máis de 4.500 persoas e no que "mulleres e a mocidade son protagonistas", nas que se combina a "experiencia e a renovación" e que están "cheas de optimismo e ilusión, concello a concello". Así, destacou que o modelo do BNG "funciona nos concellos máis grandes e máis pequenos". "

"FORZA CONFIABLE"

Pola súa banda, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, erixiu á súa formación en "forza confiable" nas próximas eleccións municipais, para as que os socialistas galegos despregarán 1.253 actos de campaña nos 305 concellos nos que se presentan.

Nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Santiago de Compostela, Lage destacou que con esta actividade os socialistas encaran dúas intensas semanas que empezan na noite deste xoves coa tradicional pegada de carteis na Praza de Mazarelos de Santiago. Alí estarán presentes o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o ministro de Sanidade, José Miñones, para arroupar ao candidato á Alcaldía, Xosé sánchez Bugallo.

Na súa intervención, avanzou a presenza de distintos ministros e ministras do Goberno de España nos concellos galegos durante esta campaña para acompañar aos candidatos do PSdeG. Ademais, tanto o secretario xeral, Valentín González Formoso, como o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, percorrerán Galicia para "axudar a que os socialistas sigan gobernando a máis da metade da poboación galega".

"FORMULA DE ÉXITO"

José Manuel Lage destacou a liña de traballo do seu partido "desde o comezo da democracia", baseada na relación directa coa cidadanía. Así, entende que esa é a "fórmula de éxito que levou ao PSdeG a ser a forza que mellor representa aos concellos e defende aos veciños".

Deste xeito, en contraposición ás candidaturas alternativas, remarcou que eles presentan a nivel municipal "programas de goberno". "Non somos ningún invento nin sopa de letras, somos forza confiable con historia, experiencia e grandes equipos", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta