Alcaldes que buscan a revancha tras ser botados por mocións de censura

Oito dos nove exrexedores que sufriron mocións de censura volverán presentarse. A maior parte deles foron botados por pactos e acordos do PP con tránsfugas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Oito dos nove exalcaldes que sufriron mocións de censura neste mandato municipal volverán presentarse ás próximas eleccións do 28 de maio, nas que competirán por facerse co bastón de mando cos actuais rexedores, ademais de con os candidatos doutras listas.

Este é o caso dos que foron primeiros edís da Baña, Fene, Malpica de Bergantiños, Mugardos e Sada, na provincia da Coruña, e de Castrelo de Miño, Ribadavia e Viana do Bolo, na de Ourense. O único rexedor desbancado no último mandato por esta vía que non concorrerá ás locais é o que foi alcalde de Santa Comba por Compromiso por Galicia, David Barreira.

A máis recente destas mocións de censura tivo lugar en Sada en novembro de 2022, onde a actual alcaldesa María Nogareda, que concorrera ás eleccións en 2019 por Alternativa dos Veciños (AV) encabeza agora a lista de Unidos por Sada. Pola súa banda, o que foi alcalde ata ese momento, Benito Portela, volverá liderar a candidatura de Sadamaioría.

En concreto, María Nogareda fíxose co mando co apoio de dous edís de AV --que conformaran o tripartito xunto a Sadamaioría e o BNG--, así como o cinco do PP e os dous do PSOE. Todos os concelleiros tránsfugas foron expulsados.

Na Baña, o actual rexedor, o popular José García Cardeso, volverá encabezar a lista do PP aos comicios do 28 de maio, aos que tamén concorre o exalcalde, o socialista José Pereira Gil. O candidato do PSdeG perdeu a alcaldía en decembro de 2021 ao prosperar a moción de censura impulsada polo PP co apoio de dous edís de Compromiso por Galicia.

En Fene, competirán de novo o popular Gumersindo Galego e o actual rexedor, o nacionalista Juventino Trigo. Nesta localidade, aínda que a esquerda alcanzara a maioría nos comicios de 2019, a falta de acordo entre as forzas de esquerda (BNG, PSdeG e Esquerda Unida) levou á Alcaldía a un PP en minoría. Con todo, en xaneiro de 2020 as tres formacións progresistas acordaron unha moción contra Galego, que despois deu o bastón de mando a Juventino Trigo.

En Malpica, o popular Eduardo Parga Veiga (PP) alcanzou o poder tras unha moción de censura contar Walter Pardo (PSdeG) --quen fora investido co apoio do Bloque e Cs. Con todo, o concelleiro desta última formación, Alfredo Cañizo, abandonou a formación e apoiou a moción impulsada polo PP. Agora, os tres volverán competir pola alcaldía, pero neste caso Cañizo encabezará a candidatura de Alternativa dos Independentes por Malpica.

En Mugardos, un pacto entre edís que conformaran as candidaturas populares e socialistas arrebatou o bastón de mando a Pilar Díaz (Esquerda Unida) e outorgou a alcaldía a Juan Domingo de Deus (PP). Ambos volverán encabezar as candidaturas de EU e do PP, respectivamente, o próximo 28 de maio.

TRES MOCIÓNS NA PROVINCIA DE OURENSE

En Castrelo de Miño, o actual alcalde, o popular Avelino Pazos chegou á alcaldía en 2020 a través dunha moción de censura co apoio de dous tránsfugas contra o rexedor do Bloque Esteban Suárez, que fora investido co apoio dos socialistas. Ambos volverán encabezar as candidaturas do PP e do BNG, respectivamente.

A socialista Noelia Rodríguez será a candidata do PSdeG á Alcaldía de Ribadavia tras facerse co bastón de mando de en febreiro de 2021 a través dunha moción de censura presentada por PSdeG e Ribeiro en Común contra o entón rexedor do PP César Fernández Gil, que volverá ser o aspirante do PP. Neste municipio, nos comicios de 2019 a esquerda sumou a maioría, pero Ribeiro en Común esixira que o entón alcalde, o socialista, Ignacio Gómez, se apartara.

Por último, en Viana do Bolo o actual rexedor, o popular Andrés Montesinos enfrontarase ao que foi primeiro edil ata xaneiro de 2022, o nacionalista Secundino Fernández. En concreto, Montesinos fíxose coa Alcaldía en xaneiro de 2022 tras unha moción presentada contra o alcalde do Bloque en setembro de 2020.

A corporación municipal do Concello de Sada no momento da votación no pleno da moción de censura, a 18 de novembro de 2022
A corporación municipal do Concello de Sada no momento da votación no pleno da moción de censura, a 18 de novembro de 2022 | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta