A lingua entra en campaña: BNG e PSOE denuncian "lingüicidio" e o PP destaca a "convivencia" co castelán

Pontón e Formoso acoden á manifestación de Queremos Galego, mentres que Rueda participa no acto institucional da RAG a Fernández del Riego en Lourenzá.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2023 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

O calendario electoral do próximo 28 de maio fixo coincidir a celebración das Letras Galegas coa carreira cara ás urnas, polo que a política lingüística foi este mércores uno dos principais asuntos da campaña. Así, mentres que os líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e Valentín González Formoso --respectivamente--, confluíron na manifestación promovida por Queremos Galego na capital compostelá, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, avogou por defender o idioma propio "con sentidiño" nun acto no que estivo co portavoz do PP, Borja Sémper.

Montaxe de dúas dos momentos vinculados ás fotos de familia do BNG e PSdeG na manifestación de Queremos Galego en Santiago de Compostela. CÉSAR ARXINA/EUROPA PRESS / Europa Press
Montaxe de dúas dos momentos vinculados ás fotos de familia do BNG e PSdeG na manifestación de Queremos Galego en Santiago de Compostela. CÉSAR ARXINA/EUROPA PRESS / Europa Press

As críticas dos partidos da oposición parlamentaria centráronse na política "lingüicida" do PP á fronte da Xunta e nun presidente, Alfonso Rueda, lembrando que non hai que "esquecer" que se manifestou, cando era secretario xeral do PP galego, "contra o galego" na manifestación convocada por Galicia Bilingüe.

Así, na manifestación central da Plataforma Queremos Galego, que reuniu a miles de persoas tanto na capital como nas principais cidades, déronse cita a portavoz nacional do BNG e o secretario xeral do PSdeG, xunto aos candidatos á Alcaldía de Santiago do espectro da esquerda. Desta maneira, déronse cita o candidato á reelección, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, a candidata de Compostela Aberta, María Rozas, e a do BNG, Goretti Sanmartín, que tamén participou na lectura do manifesto da convocatoria.

"POLÍTICA LINGÜICIDA"

En declaracións previas aos medios, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reprobou a "política lingüicida do PP durante 14 anos" e remarcou o "compromiso" da formación nacionalista para que o idioma propio "non sexa discriminado en ningún dos ámbitos da vida". "Hoxe, día das Letras, temos que celebrar que contamos cun idioma propio e alegrarnos de pertencer a unha nación cunha lingua e identidade, cunha historia e cultura", aseverou.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou a usar o 28 de maio como "plataforma política" para rectificar a deriva " de minguar a cultura e a lingua galegas", e chamou a protexer a lingua e a cultura "fronte á acción do Goberno galego, presidido por Alfonso Rueda", de quen lembrou a súa participación na manifestación de Galicia Bilingüe.

RUEDA

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a "convivencia fraterna" do idioma propio de Galicia xunto co castelán: "A lingua non é motivo de confrontación nin de liorta". Así o manifestou nun acto organizado pola Xunta, antes do arranque do habitual pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG) polo 17 de maio en Vilanova de Lourenzá (Lugo), localidade natal de Francisco Fernández del Riego, autor ao que se lle dedica a festividade este ano.

Tamén citou a Fernández del Riego a Castelao, ao afirmar que un idioma "non nace pola vontade xenial dun grupo de homes, senón pola predisposición psicolóxica dun pobo". Neste sentido, o presidente da Xunta afirmou que aí está "a clave" non só do nacemento dunha lingua, senón tamén "da súa conservación e fortalecemento".

Así, Rueda explicou ante os académicos da RAG e as autoridades alí presentes que na Galicia do século XXI o idioma propio é "un instrumento de creación" e "un medio de uso cotián". Neste contexto, avogou por "a súa normalización" como "un labor colectivo na que todos os galegos e galegas teñen cabida e do que todos se benefician".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta