Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 22/05/2023 | Actualizada ás 16:55
Os dous estaleiros que a empresa naval pública Navantia ten na ría de Ferrol están este luns, 22 de maio, sen actividade, nun sinal de loito pola morte o pasado sábado, día 20, dun traballador da empresa Windar nas instalacións de Fene, ao sufrir un accidente laboral durante a fabricación dun dos monopiles que se están acometendo nestas instalacións.
No caso da antiga Astano, a xornada de loito e o cesamento de actividade xa foi convocadao o mesmo día do falecemento do operario, mentres que os traballadores da extinta Bazán decidírono nunha asemblea convocada á primeira hora desta mesma mañá.
Nunha rolda de prensa desenvolvida ante a entrada principal do estaleiro de Perlío, un dos integrantes do comité de empresa de Navantia Fene, David Veiga (UGT), que exerceu de portavoz, lamentou "profundamente o triste accidente que ocorreu este sábado" nestas instalacións. "Declarouse hoxe xornada de loito oficial e pedimos que se pechasen as portas, que efectivamente se pecharon, para que se suspenda a actividade totalmente durante o día de hoxe", engadiu.
SOLIDARIEDADE
O representante sindical quixo tamén "agradecer aos compañeiros de Ferrol" que lles acompañaron desde o sábado e enviaron varios comunicados, e que tamén manteñen este luns unha xornada de loito.
Agora, apuntou, "vanse a levar a cabo as investigacións oportunas para esclarecer o que sucedeu", aproveitando esta comparecencia para reclamar que se dote estas instalacións de máis persoal, xa que "no plan de emprego corresponden ao redor de 140 prazas e desde o primeiro momento negouse a incorporación de recursos humanos neste centro".
VERSIÓN DA EMPRESA
Pola súa banda, fontes consultadas por Europa Press de Navantia detallaron que "a compañía está a facilitar á representación dos traballadores a información da que dispón, desde o primeiro momento, de acordo co plan de emerxencias" e que "a dirección de Fene reuniuse co comité de seguridade e saúde laboral do estaleiro para facilitar unha actualización da información dispoñible, tendo en conta que a investigación a lidera Windar, dado que a actividade e os procedementos son de Windar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.