Galicia convocará 636 prazas MIR para o curso 2023/24, das que 207 serán de médicos de familia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2023 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ofertará un total de 636 prazas de formación sanitaria especializada para o próximo curso 2023/24, que son 13 máis que o actual. A nova convocatoria cubrirá o 100% das acreditadas polo Goberno central naquelas categorías onde hai déficit de profesionais, entre elas Medicina de Familia, con 207 postos para médicos residentes.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión semanal do seu goberno, na que se aprobou esta oferta que busca "paliar o déficit de sanitarios non só en Galicia, senón en España". Polo menos, "dentro das nosas posibilidades", dixo.

Esta será, en palabras de Rueda, "a maior oferta de prazas" da historia do Sergas, cun total de 636 vacantes para médicos, enfermeiros, farmacéuticos, biólogos e outros profesionais --por tanto, non son só prazas MIR--. Rueda detallou que en "moitas" das especialidades, sinaladamente aquelas que acusan unha falta de profesionais, a Xunta convoca a totalidade das que acreditou o Goberno central. En Medicina de Familia, por exemplo, haberá 207 para médicos --un terzo do global-- e outras 52 para enfermeiras de Atención Primaria.

Tamén se oferta o máximo de prazas posibles en Pediatría (27), Medicina Interna (19), Psiquiatría (17), Psicoloxía Clínica (14) e Matronas (20), entre outras categorías.

RESPONDE A MIÑONES

A preguntas da prensa sobre as últimas declaracións do ministro de Sanidade, o galego José Miñones, pedindo que a Xunta mellore as condicións dos seus sanitarios e a falta de conciliación, Alfonso Rueda afeoulle que "en campaña" se dedique a "falar mal de Galicia". No canto diso, o presidente autonómico suxeriulle que sexa máis "proactivo" e "se decate ben dos datos" para "non dicir cousas que non son verdade".

Consello da Xunta presidido por Alfonso Rueda.. XUNTA
Consello da Xunta presidido por Alfonso Rueda.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta