Por Galicia Confidencial | A Veiga | 30/06/2023 | Actualizada ás 22:09
Da man da Mutua de Seguros Deportivos (Mutuasport) e da Federación Galega de Caza, o vindeiro 1 de xullo o concello ourensá da Veiga será un epicentro cinexético onde se mesturarán actividades lúdicas, mesas de debate, gastronomía e como acto estrela a presentación dun libro no que o corzo será o protagonista.
A xornada dará comezo ás 12:00 horas na Praza do Concello da Veiga onde a Federación de Caza instalará un stand informativo ao carón do seu novidoso e virtual Simulador de Tiro, onde cazadores e non cazadores así como rapaces e rapazas poderán interactuar, practicar e mellorar a súa puntería.
Xa no serán, ás 17:30 horas na Sala de Conferencias “O Toural”, terá lugar a presentación do libro titulado "Cefenemiosis no Corzo" dos autores Luis Eusebio Fidalgo e Ana López, ambos Doutores en Veterinaria pola USC, e que estarán acompañados por Juan Anta, alcalde da Veiga e Jose María Mancheño, presidente de Mutuasport.
Este libro abrangue todo o relacionado coa enfermidade do corzo que cambiou moito nas últimas décadas. É unha obra de natureza científica que aborda un mal de especial relevancia, non só para os profesionais veterinarios e da conservación do noso país, senón tamén para os afeccionados á caza do corzo.
A continuación haberá unha Mesa Debate baixo o título “Responsabilidades no aproveitamento cinexético” no que intervirán expertos na temática como: Luis Eusebio Fidalgo Álvarez, presidente da FGC; José María Mancheño Luna, presidente da Federación Andaluza de Caza e Mutuasport; Javier Verges Mir, Xerente de Mutuasport; Vicente Lameiro Alonso, presidente da Sociedade de Caza Seoane e todos eles moderados por Antonio García Reinoso, presidente da FGC en Ourense.
A xornada rematará cunha degustación de Produtos de Caza por cortesía do Concello da Veiga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.